A Arte Barroca: Orixe, Contexto e Características
Classificado em Música
Escrito em em
português com um tamanho de 3,27 KB
Orixe e Denominación
A arte barroca nace a principios do século XVII en Italia e esténdese ata a primeira metade do XVIII. A denominación de Barroco foi dada a posteriori cun sentido despectivo (de barrueco, perla irregular), coma se o novo estilo fose unha dexeneración do Renacemento. A realidade, porén, é que crea unha linguaxe nova que rompe coas fórmulas repetitivas manieristas e coa racionalidade renacentista.
Contexto Histórico e Clientes
O Barroco coincide cunha época de cambios en Europa aos que dá resposta artística, fundamentalmente:
- A reafirmación relixiosa do Concilio de Trento (Contrarreforma).
- A consolidación dos estados nacionais.
- A consagración das monarquías absolutas.
- O desenvolvemento dunha clase social burguesa enriquecida polo comercio e a industria.
De aí que conte con clientes distintos e, consecuentemente, tamén o sexa a súa resposta:
- Arte ao servizo da Igrexa: Coa función de reafirmar a fe e o espírito contrarreformista. Desenvólvese nos países católicos (Italia e España cos seus dominios en Flandres).
- Arte ao servizo das Monarquías: Unha arte cortesá que se emprega como propaganda do absolutismo. Vemos o exemplo máximo na Francia de Luís XIII e Luís XIV.
- Barroco Burgués e Protestante: Desenvolvido nos Países Baixos.
Características Xerais do Barroco
En todo caso, existen trazos comúns que o definen. Na procura da sensación fronte á razón, como arte popular e non intelectual, o Barroco rexeita o equilibrio, a proporción, a medida, a serenidade e a beleza ideal. Agora busca o movemento, a tensión dramática, a irregularidade, a sorpresa, as formas abertas, a monumentalidade, o desequilibrio e a conxugación de todas as artes.
A Arquitectura Barroca
A arquitectura, no caso que nos ocupa ao servizo da Igrexa, non se concibe illada do marco urbano no que se insire, senón como un elemento máis de persuasión dos fieis. Prazas, edificios significativos, fontes e vías de comunicación crean liñas de perspectiva impactante para resaltar a magnificencia da Igrexa e, con ela, do catolicismo. O grande arquitecto que faga realidade tal proxecto será Bernini, particularmente no urbanismo da Praza de San Pedro.
Elementos Formais da Arquitectura
En canto aos elementos formais, domina o dinamismo das liñas curvas sobre a recta. Introdúcense:
- As columnas salomónicas e os estípites.
- Incremento da ornamentación ata o punto de chegar a ocultar os elementos estruturais.
- Grandes rompementos de gloria nas bóvedas para simular o mundo celestial.
- Efectos fantásticos de luces e trampantollos.