A Avaliación na Educación Infantil
Classificado em Espanhol
Escrito em em
português com um tamanho de 13,9 KB
1. Características da Avaliación na Educación Infantil
Aspectos avaliables en EI
- A avaliación da xestión do centro cos grandes documentos educativos. Hai que incorporar a avaliación dos servizos contratados ou pactados polo centro.
- A avaliación da acción educativa.
- A avaliación do progreso dos nenos.
Características da avaliación
- Sistemática: realizada a partir dunha decisión metodolóxica previa, aplicando sempre o mesmo método e nos momentos que se fixaran.
- Integral: no momento da avaliación, os resultados deberán darse tendo en conta todos os aspectos que o envolven.
- Continua e con retroalimentación: constantemente débense avaliar partes do proceso educativo e débese ser o suficientemente áxil como para variar ou cambiar aquelas cousas que se detecten como mellorables ou erróneas.
2. O Proceso de Avaliación
2.1. Seleccionar un método de recollida de información
1. A observación
Consiste en mirar e escoitar, dándose conta dos elementos importantes dun suceso ou acontecemento. É un método que chegará a ocupar moito tempo do educador. Permite ao educador obter información sobre as características cognitivas, afectivas e psicomotrices dun neno. É o método avaliativo por excelencia na EI.
2. A interrogación
Consiste en preguntar. Con nenos pequenos non é útil, pero si que se pode preguntar a outros educadores ou a familiares. É un método indirecto de obtención de información moi útil para a avaliación da xestión do centro.
3. O test
Proporciona información máis exacta e obxectiva. Poden ser orais ou escritos. En EI úsanse para avaliar a xestión de centro e valorar algúns aspectos relacionados co diagnóstico de determinados comportamentos dos nenos.
2.2. Seleccionar un tipo de instrumento
A) Instrumentos para a observación
- O diario: rexistro sistemático onde cada día quedan recollidas as actividades, situacións ou anécdotas ocorridas. Nel transcríbense impresións e valoracións da persoa que rexistra os datos.
- O anecdotario: acouta e rexistra condutas, comportamentos ou acontecementos que ao educador lle resultan significativos. A descrición destes feitos é o que se chama anécdota. Vanse recollendo ao longo do tempo e poden referirse a un alumno en particular ou ben a un grupo. É importante transcribir o feito tal e como ocorre, especificando o ambiente e incluso detallando exactamente as palabras dos alumnos no caso de que se dera unha interacción verbal.
- A lista de control: rexistra a presenza ou ausencia dunha conduta ou feito previamente definidos. Trátase dun listado exhaustivo que recolle todas as condutas que o educador considera relevantes. Non se considera moi preciso, xa que non indica nin frecuencia nin evolución no tempo, nin grao de intensidade en que se manifesta a conduta.
- As escalas de estimación: valoran a calidade e/ou frecuencia dunha conduta a través dunha gradación, normalmente de entre tres a cinco valores, que esixe un xuízo por parte do observador. Poden ser:
- Gráficas: defínese unha conduta, suceso ou actitude e ao longo dunha liña sitúanse os distintos valores a rexistrar.
- Numéricas: dá á conduta un valor numérico progresivo.
- Descritivas: poden chegar a ter unha dobre valoración ao recoller a aparición dunha conduta e a actitude ou comportamento que mostra a persoa observada.
- Escalas de ordenación: serve para ordenar ou agrupar ás persoas en función do grao en que posúan unha característica. É moi útil para analizar a totalidade do grupo e avaliar en que lugar se colocan os individuos.
B) Instrumentos para a interrogación
- O cuestionario: consiste nunha lista de preguntas anotadas para ser contestadas por outra persoa para obter información sobre opinións ou sobre as accións nunha situación concreta. Son instrumentos esenciais da xestión do centro. As preguntas poden ser abertas ou pechadas. Existen uns cuestionarios chamados inventarios onde se poden avaliar hábitos, actitudes, opinións e comportamentos dun grupo de educadores.
- A entrevista: un instrumento indirecto para obter información transcendente dos nenos é a entrevista cos pais, que nos permite obter información sobre condutas que nunca obteriamos mediante a observación directa. É importante realizar un plan de entrevista que debe conter:
- O día, a hora e quenes son as persoas entrevistadas.
- O propósito da entrevista.
- Un guión da entrevista, fundamental para a planificación. Algunhas partes importantes son: a estrutura familiar, o comportamento do neno na vida familiar, se é a primeira escolarización, etc.
- Rapport: é o proceso de relación e acompañamento que se establece ao inicio coas persoas entrevistadas. Algunhas recomendacións son: non empezar en plan interrogatorio, comentar algunha anécdota, ver se a persoa está á defensiva, etc.
- Condución da entrevista: a persoa que entrevista deberá ser a que conduza en función dos intereses da información que queira lograr.
- Finalización da entrevista: non hai que prolongar a entrevista máis do necesario.
- Importante tomar notas.
C) Instrumentos para testar
Os tests, índices ou escalas son instrumentos que serven para medir e valorar a normalidade de certos comportamentos dos pequenos ou a idoneidade dos servizos, os documentos ou as instalacións do centro.
- Test ou escalas para valorar condutas ou comportamentos: utilízanse para diagnosticar a presenza dalgúns problemas como o autismo ou o déficit de atención. Deben ser aplicados por especialistas.
- Test ou escalas para medir a idoneidade dos servizos, os documentos ou as instalacións do centro.
2.3. Realizar a avaliación
Unha vez recollida e analizada a información, pasarase á avaliación, que consiste en formular xuízos de valor para tomar decisións. Os resultados deberán darse a coñecer a partir dun informe.
- Formulación de xuízos: os educadores interpretan os resultados da análise, clasificándoos en función das súas propias votacións.
- A toma de decisións: a fase de toma de decisións será a culminación do proceso.
- Dar a coñecer os resultados: o resultado final da avaliación debe plasmarse nun informe no que aparecerán: os resultados obtidos, as valoracións ou xuízos, as decisións tomadas e as medidas a aplicar.
3. O Proceso de Avaliación do Centro
3.1. Avaliación da xestión do centro
Para avaliar a xestión do centro hai que ter en conta:
- A avaliación da xestión económica.
- A avaliación da xestión dos RR. HH.
Para avaliar a xestión dun centro de EI utilizamos:
- A observación: podemos usar listas de control ou escalas de avaliación.
- As técnicas interrogativas, como cuestionarios.
- Os tests ou escalas.
3.2. Avaliación dos documentos xerais do centro
Avaliaranse documentos como:
- O PEC (Proxecto Educativo de Centro)
- A PP (Proposta Pedagóxica)
- O RRI (Regulamento de Réxime Interior)
Todo o que fai referencia a documentos xerais do centro pasa por unha avaliación anual que debe realizar a dirección e o equipo de educadores e de cuxo resultado se deberá dar conta ao consello escolar ou comunidade escolar. Non hai que esquecer outros documentos como o proxecto de calidade ou o plan de convivencia.
3.3. Avaliación dos servizos sanitarios e dos comedores
Máis no marco da normativa sanitaria que educativa, existe un elemento en EI que debe garantirse: a hixiene, referida tanto aos servizos sanitarios como a todas as estancias do centro. A dirección é a que marca as directrices, pero é responsabilidade de todos os membros da comunidade educativa vixiar que se cumpra.
3.4. Avaliación do persoal de apoio: monitores e alumnos en prácticas
A valoración dos monitores que se integran de forma puntual é importante, xa que deben cumprir os mesmos requisitos que o persoal estable, pero non se lles esixe a mesma responsabilidade. Ao final do curso escolar, o equipo de educadores, xunto coa dirección, avaliará se os monitores que se incorporaron durante o curso cumpren os requisitos estipulados polo centro, tanto no referente a normas laborais como á relación cos nenos e o equipo de educadores, así como se a súa intervención foi a adecuada en función dos obxectivos do PEC.
Outro elemento que interveñen nas aulas de EI son os alumnos en prácticas, que poden ser unha axuda para o educador ou provocar unha situación de distorsión. O alumno debe saber adaptarse á situación e ao educador que se lle asigna. A dirección debe recoller as valoracións dos educadores sobre os alumnos en prácticas e avaliar se foi positiva ou non a súa participación na dinámica do centro.
4. O Proceso de Avaliación Educativa
4.1. Avaliación das programacións
O obxectivo da programación é ser cumprida, polo tanto hai que avaliar:
- Cumprimento: Cumpriuse a programación? Estaba axustada ao tempo? Se o desaxuste é importante, deberanse estudar as causas.
- Idoneidade das actividades: Responderon as actividades ao que esperabamos delas? Para dar unha resposta é necesario repasar individualmente as fichas de observación de cada actividade e facer unha valoración sobre a base de:
- Se as actividades propostas se axustan aos obxectivos que se pretendían.
- Se os nenos fixeron o que se esperaba que fixeran.
- Se os nenos se mostraron motivados e aceptaron a actividade con interese.
- Dispoñibilidade dos recursos: Dispuxemos dos recursos necesarios para desenvolver todas as actividades? Nesta fase hai que determinar:
- Se os recursos seleccionados eran adecuados e suficientes.
- Se estes recursos que estaban previstos foron os que tivemos á nosa disposición.
Como instrumento para realizar un bo seguimento pódese levar unha simple folla onde se recolla cada día, en cada sesión de contidos ou en cada bloque de actividades, a data de inicio e finalización, as unidades, as actividades realizadas e unhas observacións.
4.2. Avaliación das actividades de aula: axustes
O método por excelencia da avaliación das actividades é a ficha de observación que vén incluída na ficha da actividade. Hai que elaborar unha ficha de observación que reúna unha serie de requisitos: que sexa fácil de utilizar, que recolla os elementos clave da actividade e que recolla a resposta dos pequenos. Algúns puntos importantes que se deben incluír nestas fichas son: aceptación das actividades, potencia das actividades e resultado da actividade.
5. O Proceso de Avaliación dos Nenos e Nenas
5.1. Condicións para a observación
- Asegurarse de que todo está preparado.
- Asegurarse de que é o mellor momento para os pequenos.
- Obxectividade.
- Centrarse nos comportamentos significativos.
- Discreción.
- Observar a miúdo.
5.2. Avaliación do grupo
Hai que ter precaución co uso de escalas de avaliación de grupo para nenos pequenos, especialmente no momento de facer comparacións entre eles e interpretar baixo esta perspectiva os resultados. Nunca debemos esquecer que a maduración dos pequenos é individual e que neste período os ritmos madurativos acostuman ser bastante diferentes.
5.3. Avaliación individual
Avaliación da conduta
O anecdotario é un bo instrumento para a avaliación da conduta individual. As anécdotas dos pequenos rexistraranse de forma sistemática para observar a súa conduta ou reaccións ante situacións concretas que nos interese valorar. A partir de aquí, o educador ou educadora pensa unha estratexia, toma unha decisión e pona en práctica. Tamén as listas de control, as escalas de estimación e incluso as escalas de observación poden ser útiles para valorar aspectos concretos das condutas.
Avaliación dos procesos de desenvolvemento
As escalas de estimación son instrumentos que nos permiten medir con bastante precisión estas variables. Unha vez se teña recollida toda esta serie de informacións, hai que gardala nun arquivo controlado. A relación de documentos dun neno chámase expediente persoal; nel debe gardarse desde a ficha de admisión ata as informacións médicas, o cuestionario inicial, o rexistro de entrevistas, etc.
5.4. Información ás familias
A información que se recolle periodicamente ou diariamente dos nenos tamén hai que facela chegar á familia. Existen diferentes formas de pasar a información:
- Partes diarios: relacionados co tema de hábitos e condutas, pode facerse verbalmente nos momentos de entrada e saída ou a través dun taboleiro de anuncios.
- Listas ou escalas de control: é interesante facer chegar aos pais as condutas do neno en situacións determinadas, e queda ben facelo por escrito.
- Entrevista: é o sistema de relación máis importante cos pais e debe realizarse como mínimo catro veces, de maneira formal, ao longo do curso.
Os pais deberán recibir un informe detallado por escrito da evolución do seu fillo. Estes informes realizaranse trimestralmente e adoita facerse un informe xeral cos mesmos apartados, ou máis xenérico, ao final do curso.