As Cortes de Cádiz, a Constitución de 1812 e o Reinado de Fernando VII
Classificado em Outras línguas estrangeiras
Escrito em em português com um tamanho de 5,5 KB
As Cortes de Cádiz e a Constitución de 1812
As Cortes de Cádiz reuníronse en Cádiz o 24 de setembro de 1810. Predominaron os deputados de clases medias, aínda que tamén tiveron moito protagonismo os eclesiásticos, avogados e militares, sempre divididos ideoloxicamente en liberais e absolutistas. Estas Cortes promulgaron numerosos decretos nos que se eliminaban as estruturas e os fundamentos xurídicos do Antigo Réxime e se establecía un novo modelo político, administrativo, social e económico baseado nos principios do liberalismo, por iso eran considerados revolucionarios. Con todo, esta acción política era obra dunha elite; as masas populares, influídas pola Igrexa, consideraron estas reformas atentatorias contra a relixión e os costumes tradicionais.
A Constitución de 1812: "A Pepa"
O 19 de marzo de 1812 foi aprobada a primeira constitución española, coñecida popularmente como «A Pepa». Recollía o espírito e as ideas liberais que establecían un modelo político baseado na soberanía da nación (soberanía popular), a participación da cidadanía a través do sufraxio universal masculino indirecto e a monarquía como forma de goberno, pero cun poder restrinxido e limitado pola Constitución. Establecíase unha ríxida separación de poderes, na que o poder executivo era exercido polo monarca (xefe de Estado e de Goberno); o poder lexislativo compartido entre as Cortes e o monarca, onde as leis eran elaboradas polas Cortes, pero promulgadas polo monarca, coa posibilidade por parte deste de exercer o dereito de veto suspensivo. As Cortes eran unicamerais. Finalmente, o poder xudicial estaba en mans dos tribunais de xustiza coa posibilidade de realizar xuízos con xurado popular para determinados tipos de delitos.
Dereitos e Liberdades Fundamentais
Aparecían, distribuídos ao longo do articulado da Constitución, os dereitos e liberdades dos cidadáns, especialmente a liberdade de imprenta e de opinión, a igualdade de todos ante a lei e ante as cargas do Estado, sexan estas fiscais (pago proporcional á riqueza) ou militares (servizo militar obrigatorio). Recoñecíase a propiedade individual como un dereito básico garantido polo Estado e, para asegurar a orde pública e a defensa das liberdades, contemplábase un corpo de seguridade, a Milicia Nacional.
Unitarismo, Centralismo e Confesionalidade
Fronte á diversidade administrativa e lexislativa do Antigo Réxime, impúxose unha lexislación que eliminaba os particularismos dos antigos reinos e os privilexios forais (unitarismo e centralismo político). Ademais, declarábase a España como un Estado confesional católico.
En síntese, trátase dun texto revolucionario no senso de alterar as bases políticas e sociais do Antigo Réxime, pero tamén facía concesións á tradición na declaración do Estado confesional.
Nin a Constitución nin as leis emanadas das Cortes tiveron unha aplicación práctica polo estado de guerra no que se vivía. Fernando VII, á súa volta, derrogou a Constitución e a obra lexislativa das Cortes de Cádiz, pero significou un referente e unha inspiración dos textos posteriores.
A Restauración de Fernando VII e o Absolutismo
Despois de asinar o Tratado de Valençay, a finais de 1813, Napoleón renunciou ao trono español e entregou a coroa a Fernando VII, quen retornou a España en 1814 e reinou ata a súa morte en 1833. Durante este tempo, gobernou dunha maneira vingativa, empregando todos os medios para actuar como un monarca absoluto. Enfrontouse aos liberais e anulou o sistema político creado en Cádiz. No seu reinado diferéncianse tres períodos:
- O Sexenio Absolutista (1814-1820)
- O Trienio Liberal (1820-1823)
- A Década Ominosa (1823-1833)
O Sexenio Absolutista (1814-1820)
O Sexenio Absolutista comeza no ano 1814 e remata no 1820. En marzo de 1814, Fernando VII foi recibido en España con grande entusiasmo popular, pero o seu retorno político representou unha volta ao Antigo Réxime. Os liberais esixían que o rei acatase e aprobase os decretos e a Constitución de 1812, pero os absolutistas defendían que o rei debía recuperar a plenitude da súa soberanía e declarar nulas todas as reformas. Así llo pediu un grupo de deputados a través do documento denominado o «Manifesto dos Persas». O retorno ao absolutismo e ao Antigo Réxime causou unha escasa oposición nas masas populares, que identificaban as reformas liberais como agresións á relixión e aos costumes tradicionais. Ao mesmo tempo, a derrota de Napoleón en 1814 permitiu a restauración do absolutismo en toda Europa no Congreso de Viena e a formación da Santa Alianza para defender este sistema político ante as ameazas do liberalismo.
Os liberais foron perseguidos e tiveron que recorrer á conspiración e ao pronunciamento, é dicir, ao levantamento de parte do exército que se pronuncia a favor da substitución da monarquía absoluta por unha monarquía liberal inspirada nos principios da Constitución de Cádiz, para poder chegar ao poder.