Descartes e o método racional: orixe do coñecemento

Classificado em Filosofia e Ética

Escrito em em português com um tamanho de 4,48 KB

Descartes e o método racional: orixe do coñecemento

Neste texto, Descartes remarca a importancia de establecer un método para a investigación e establece a súa definición. Descartes é un filósofo francés do século XVII. Neste momento a filosofía está representada por dúas grandes correntes de pensamento: o racionalismo e o empirismo.

Racionalismo e empirismo

O racionalismo desenvólvese no continente (Francia, Holanda e Alemaña) e o empirismo desenvólvese en Inglaterra. Entre os autores máis significativos están:

  • Racionalismo: Descartes, Malebranche, Spinoza e Leibniz.
  • Empirismo: Locke, Hume e Berkeley.

Estas dúas correntes, aínda tendo algúns aspectos en común, enfróntanse nun tema fundamental: a orixe do noso coñecemento. O empirismo parte de que todos os nosos coñecementos proceden dos sentidos, da experiencia sensible. O racionalismo sostén que todos os nosos coñecementos válidos proceden da razón, do entendemento.

A autonomía da razón

Descartes, que é o máis destacado racionalista, inicia unha época caracterizada pola autonomía da filosofía e da razón, rompendo coa tradición medieval de sometemento aos dogmas da fe. É un intento de "empezar de novo": para evitar os erros do pasado, máis importante que saber o que outros dixeron é saber o que a nosa razón nos di.

Esta autonomía da razón implica que o seu exercicio non sexa coartado por ningunha instancia exterior: razón mesma, sexa a tradición, a autoridade ou a fe. É dicir, a razón é o tribunal supremo a quen lle corresponde xulgar o verdadeiro e o conveniente sen someterse a nada. Esta será a característica común de toda a filosofía posterior e manifestarase, entre outros aspectos, na procura dun novo método para a filosofía e para a ciencia.

Confianza na razón e método dedutivo

En Descartes hai unha confianza na capacidade da razón para acadar a verdade. Fronte ao suposto de que o ser humano, rexido unicamente pola súa razón, inevitablemente caería no erro ou, cando menos, na inseguridade de todo coñecemento (isto é, no escepticismo), Descartes, tomando como modelo a dedución matemática —que tan bos resultados estaban acadando na nova ciencia inaugurada por Galileo Galilei— tratará de probalo: é posible construír un método exclusivamente racional capaz de proporcionar coñecementos verdadeiros. Ese é o método dedutivo que aquí se enuncia.

Motivación persoal e crítica á filosofía tradicional

O interese de Descartes por atopar a verdade parte da decepción sufrida polos seus estudos. Desde neno indicáranlle que, por medio do estudo, podía conseguir un coñecemento claro e seguro daquilo que lle era útil para a vida. Pero ao rematar os estudos decatouse de que tiña tantas dúbidas e erros como antes e que só lle serviran para descubrir a propia ignorancia. Marchouse do colexio desencantado coa maioría das ciencias, salvo polas matemáticas.

Sobre todo, a filosofía non foi para el máis que un campo de discusións: cada autor chegaba a conclusións diferentes, polo que parecía que a verdade non existía. Descartes é consciente de que a filosofía, contrariamente á ciencia, non foi capaz de establecer un coñecemento sólido e irrebatíbel ao longo da historia. Pero, cal era o problema? Para Descartes, a diferenza reside no método do que se valeron unha e outra.

Por iso propón como primeira tarefa dotarse dun método seguro que garanta á filosofía o mesmo nivel de seguridade e de progreso que xa ten o coñecemento científico. Polo tanto, cómpre guiar adecuadamente a razón para chegar á verdade; nese senso, o método consiste nun conxunto de regras que posibilitarán a quen as cumpra non tomar nada falso por verdadeiro.

A importancia do método

A importancia do método é fundamental, pois "é mellor non pensar en investigar a verdade sobre cousa ningunha que facelo sen método". Por outra banda, de nada serve ter un bo entendemento se non se aplica ben; "os que camiñan lentamente poden chegar moito máis lonxe, se van sempre polo camiño recto, que os que corren apressadamente".

E como para Descartes o método matemático tiña demostrado unha gran eficacia na consecución da verdade, inspirarase nel para enunciar o método que debe ser válido para calquera ámbito do saber, incluída a filosofía.

Entradas relacionadas: