O Liberalismo e a Revolución Americana: Orixes e Impacto
Classificado em História
Escrito em em português com um tamanho de 3,15 KB
O Liberalismo: Ideoloxía e Práctica Política
O Liberalismo é unha ideoloxía e unha práctica política e económica que defende a liberdade como principio básico de todas as actividades humanas.
Orixe e Impacto das Revolucións Liberais
Xurdiu a finais do século XVIII e constituíu a base dos programas das revolucións burguesas que trataban de eliminar o sistema vixente no Antigo Réxime. Estas revolucións afectaron a Europa e América nas décadas finais do século XVIII e os inicios do XIX.
Principios Fundamentais do Liberalismo
Defenden:
- A separación de poderes de acordo coa función que desempeñan: executivo (goberno), lexislativo (parlamento) e xudicial (tribunais).
- A existencia dunha Constitución ou Lei suprema na que se recollan por escrito os dereitos, as liberdades e as bases políticas do réxime vixente.
- A participación política dos cidadáns mediante a elección dos seus representantes (dereito a voto ou sufraxio).
- A igualdade xurídica de todas as persoas ante a Lei.
Independencia e Revolución en EEUU
A primeira revolución liberal desenvolveuse nas colonias inglesas en América do Norte. En 1776, as 13 colonias proclamaron a súa independencia con respecto a Inglaterra e, ao mesmo tempo que lle facían fronte á guerra contra os ingleses, construíron un novo modelo político baseado nos principios liberais.
Causas da Revolución Americana
Dende principios do século XVII, a costa de América do Norte foi ocupada por colonos ingleses. Co obxectivo de afianzar o seu poder na zona, a coroa inglesa permitiulles un certo grao de autogoberno, só limitado polas leis que lles obrigaban a comercializar coa metrópole. Esta situación de dependencia incrementouse a partir de 1763, tras a vitoria de Inglaterra na Guerra dos Sete Anos contra España e Francia. Para recuperarse dos gastos causados pola guerra, o Parlamento inglés aumentou os impostos ás colonias americanas. Os colonos opuxéronse a esta subida, aumentando e radicalizando as protestas. A metrópole castigou os colonos rebeldes. Esta situación fixo que a independencia fose gañando partidarios; paralelamente, nas clases medias agrícolas e comerciantes estaban moi enraizadas as ideas de igualitarismo e liberdade, e nos círculos intelectuais dominaban as ideas ilustradas.
A Declaración de Independencia e a Guerra
En 1775 producíronse os primeiros enfrontamentos entre a metrópole e as colonias. Ao mesmo tempo que ocorría esta guerra, as colonias convertíanse en estados con goberno propio. O 4 de xullo de 1776, as 13 colonias fixeron conxuntamente unha Declaración de Independencia, redactada por Thomas Jefferson, pola que nacían os Estados Unidos de América. A guerra foi longa e desigual, pero o apoio de Francia e España obrigou a Gran Bretaña a asinar a paz e recoñecer a independencia en 1783.
O Novo Modelo Político e o seu Legado
O novo modelo político converteuse nun exemplo a seguir por outros pobos, abrindo a era das revolucións que afectaron a Europa e á América española.