A Narrativa Galega Contemporánea: 1975-Actualidade

Classificado em Espanhol

Escrito em em português com um tamanho de 8,69 KB

A Narrativa Galega Tras a Morte de Franco (1975)

Tras a morte de Franco (1975), a literatura galega entra nunha fase de readaptación. A democracia e a liberdade de expresión permitirán o impulso de novas publicacións en galego, así como a aparición de novas editoriais (Xerais, Sotelo Blanco, Laiovento, etc.). Os autores abordarán novos temas que acadan especial relevancia nos últimos anos: a corrupción, o narcotráfico, o paro, a delincuencia, etc. Polo que respecta ás técnicas empregadas, xa vimos que desde os anos cincuenta a narrativa comezara a explorar novas formas e tendencias.

Temas e Autores na Década dos 80

Desde a década dos oitenta, a narrativa vai seguir dous camiños básicos, que ás veces se cruzan. Por unha banda, a denominada literatura de “quiosco”; por outra, unha literatura “máis autóctona”, que entronca coa tradición galega. Engadir que coa implantación da materia de Lingua Galega e Literatura no ensino primario e secundario a comezos dos oitenta vai favorecer especialmente a proliferación de títulos destinados aos lectores máis novos.

A Narrativa de Xénero (Literatura de Quiosco)

Abarca unha temática moi variada e atractiva para o lector. Esta narrativa tamén se chama “literatura de quiosco”. A diversificación temática permitiu atender a un público moi heteroxéneo e, sobre todo, contribuíu á normalización da literatura equiparándoa a outras literaturas como poden ser a española e a catalá.

O autor pioneiro foi Xosé Fernández Ferreiro, quen publicou o primeiro western (xénero do oeste) en galego: A morte de Frank González. Nesta década, diferenciamos os seguintes xéneros:

  • Policial: destacamos a novela de Carlos Reigosa, Crime en Compostela.
  • Erótico: varios autores e autoras escriben, como en Contos eróticos eles e Contos eróticos elas.
  • Ciencia ficción: autores como Agustín Fernández Paz e Suso de Toro.
  • Terror: Tres historias para ler na noite de Paco Martín.
  • Aventuras: con títulos como Código Morse e Morning Star.

A Narrativa Memorial

Unha temática máis relacionada coa tradición galega. Novela histórica enraizada co pasado, nun intento por recuperar os nosos sinais de identidade desde diferentes puntos de vista:

  1. De maneira realista: principalmente cando se trata a Guerra Civil: Carlos Casares con Os mortos daquel verán, Xosé Fernández Ferreiro con Agosto do 36.
  2. De maneira épica ou alegórica: utilizando mitos ou crenzas colectivas para reivindicar a realidade galega:
    1. Temática artúrica cunqueiriana: Galván en Saor de Darío Xoán Cabana, Amor de Artur de Ferrín.
    2. Temática da Idade Media galega: O cervo da torre de Darío Xoán Cabana.
    3. O mundo da emigración cara a América: O triángulo inscrito na circunferencia de Víctor Freixanes e Alén da desventura de Xavier Alcalá.

Temas e Autores na Década dos 90

En 1986 publícanse as novelas Polaroid e Tic Tac, de Suso de Toro. Obras que, segundo a crítica, marcan un antes e un despois na narrativa galega.

As características narrativas neste período resúmense así:

  1. Apertura temática: variedade nos temas; históricos, emigración, temas vencellados á realidade social deses anos: o urbanismo, a delincuencia e a contracultura urbana e marxinal (na cal entra o paro, o consumo e tráfico de drogas), así como a manipulación da información e da publicidade.
  2. Renovación de espazos: suburbios urbanos e espazos marxinais.
  3. Técnicas narrativas: Por unha banda, a desaparición do narrador omnisciente, o que implica unha maior implicación do lector na narración. Por outra, a fragmentación discursiva ou desintegración da estrutura tradicional, dando lugar a un discurso incoherente que impresiona ao lector acostumado a outro tipo de narración máis liñal. Ás veces suprímense os capítulos. Esta fragmentación dá lugar a técnicas narrativas similares ás cinematográficas.
  4. Os personaxes: cada vez máis complexos. Cobra importancia o personaxe feminino, o personaxe corrupto, o urbano e o marxinal.
  5. A linguaxe: máis literaria e máis correcta no léxico; por veces barroca. Alterna con obras que fan uso dunha linguaxe antiliteraria: coloquial, xerga urbana e suburbana.

Os narradores desta etapa teñen o seu recoñecemento literario dentro e fóra de Galicia. Autores traducidos e premiados coma Manuel Rivas, coas obras: Ela, maldita alma, Que me queres, amor?, O lapis do carpinteiro. Xosé Carlos Caneiro, con A rosa de Borges, Ébora, Tres tristes tigres, entre outros.

Temas e Autores Actuais

Nos últimos anos está a producirse un boom narrativo nas narradoras (como sucedera pouco antes na poesía). É unha narrativa moi variada, pero posúe algúns trazos comúns: protagonismo feminino, cuestiónanse roles tradicionais home-muller, o machismo, as relacións entre mulleres, etc.

Ademais do exposto anteriormente, debemos salientar:

A Literatura Detectivesca

Quizais pola facilidade de escribir segundas e terceiras partes protagonizadas polo mesmo detective e policía. Destacamos as novelas encadradas no xénero negro e protagonizadas polos detectives Leo Caldas e Frank Soutelo, entre outros.

  1. A narrativa bravú: subxénero máis singular e sobre todo máis enxebre. É unha narrativa renovadora, inconformista e insolente. Caracterízase pola descrición dos dramas sociais que agora se reflicten no paro, na transformación do rural, no mundo mariñeiro, na migración á cidade, etc. Todo isto baixo unha aparencia antiliteraria, coloquial e fresca, coma se o pobo galego falase directamente co lector. Santiago Jaureguízar e Xurxo Souto son os escritores máis representativos.
  2. Relato curto: agora máis consolidado, pois é unha literatura barata, atractiva e de lectura rápida. Conecta cun público con pouco hábito de ler en galego. Destacamos autores como Suso de Toro, Manuel Rivas e Xavier Queipo.
  3. Volta á novela longa: Nos últimos anos apreciamos unha volta á novela longa. Títulos como Trece badaladas de Suso de Toro, Os libros arden mal de Manuel Rivas, Herba moura de Teresa Moure e A praia dos afogados de Domingo Villar son claros exemplos.
  4. Recoñecemento nacional: Recoñecemento a nivel nacional de autores galegos; Manuel Rivas, Agustín Fernández Paz ou Suso de Toro son claros exemplos.

Literatura Infantil e Xuvenil

Algúns autores convertéronse en especialistas para nenos e xoves. Escriben sobre temas máis próximos aos problemas dos adolescentes: conflitos familiares, problemas de identidade, descubrimento do amor, sexo, así como conflitos coas drogas. Así mesmo, a literatura orientada ao sector infantil e xuvenil acadou un enorme grao de madurez e ofrece algunhas obras premiadas en certames nacionais, incluso traducidas a outros idiomas. Destacan algúns títulos de autores coma Fina Casalderrey, Agustín Fernández Paz e Úrsula Heinze.

Destaca o crecente interese pola tradución de escritores clásicos e contemporáneos. Isto prestixia a lingua e amplía os lectores en galego desde idades máis novas; de feito, a maioría das traducións correspóndense cos libros infantís e xuvenís: Harry Potter, O señor dos aneis, O código da Vinci, etc.

Por último, nestes últimos anos, hai que salientar:

  1. Novos experimentos narrativos: por parte de determinados escritores a través da internet, partindo de iniciativas particulares en blogs e páxinas web.
  2. Difusión en formato dixital: maior achegamento ao público a través da difusión de obras en formato dixital, como o libro electrónico.
  3. Adaptacións cinematográficas: algunhas novelas ou relatos galegos serviron de guións cinematográficos: A lingua das bolboretas, O lapis do carpinteiro, A praia dos afogados, Trece badaladas e a novela clásica A Esmorga.

Entradas relacionadas: