Orixe e Evolución do Galego-Portugués: Conflitos Históricos
Classificado em Outras línguas estrangeiras
Escrito em em
português com um tamanho de 3,49 KB
¿Era a sociedade monolingüe ou bilingüe?
- Resposta principal: Era monolingüe. Ningunha outra lingua se falaba no territorio, pois na área galego-portuguesa era o romance que nacera. Toda introdución doutra lingua sería posterior ao nacemento da nosa lingua propia.
- Bilingüismo social: Hai estudosos que falan de bilingüismo social, é dicir, que sobre todo nun primeiro momento existía o latín como lingua de cultura e o galego-portugués como lingua de feito entre a poboación.
O documento máis antigo en galego-portugués
¿Que nome recibe o documento máis antigo escrito en lingua galego-portuguesa? ¿Que tipo de documento é?
Nome: Noticia de Torto.
Tipo de documento: É un borrador notarial particular. Contén a relación das malfeitorías, persecucións, violencias e roubos feitas polos fillos de Gonçalo Ramires, durante varios anos, a Lourenço Fernandes da Cunha, fidalgo da zona entre Braga e Barcelos.
A Diverxencia do Galego e do Portugués (Século XIV)
O galego e o portugués comparten a primeira etapa da súa formación como idiomas, nomeadamente ata o século XIV; a partir dese momento seguirán camiños diferentes.
- Portugués: Consolídase como lingua oficial da corte portuguesa e será levada nos séculos posteriores a outros continentes.
- Galego: Experimentará, sobre todo a partir do século XV, un proceso de marxinación que o deixará reducido a lingua familiar, sendo considerado dialecto rústico ata practicamente o século XIX.
Áreas de Cultivo do Galego Antigo (Ata 1350)
Ademais de na literatura, o galego antigo cultivábase nas seguintes áreas:
- Administración civil e de xustiza.
- Economía, ciencia e técnica.
- Vida eclesiástica e relixiosa.
Neste período, todos os documentos, públicos e privados, eran redactados na lingua que a sociedade falaba: o galego.
Os Conflitos Lingüísticos en Galicia
Galicia viviu tres grandes conflitos lingüísticos que marcaron a súa historia:
1. Primeiro Conflito (Século XIII)
Xorde no reinado de Fernando III, cando o rei envía nobres castelán-falantes, de fóra de Galicia, para gobernar o territorio.
2. Segundo Conflito (Século XIV)
Orixínase a raíz do enfrontamento polo trono de Castela entre Pedro I e Henrique de Trastámara. A nobreza galega apoiou a Pedro I, que foi derrotado. Isto supuxo o desprazamento da nobreza galega e o inicio da penetración de escritos e manifestacións lingüísticas nunha lingua allea.
3. Terceiro Conflito (Finais do Século XV)
Este proceso vese agravado e completado pola loita sucesoria entre Isabel a Católica e a súa sobriña Xoana. A derrota de Xoana (apoiada pola nobreza galega) supuxo a caída en desgraza destes nobres e a completa substitución por nobres casteláns. A lingua galega perdeu así toda posibilidade de uso por parte da aristocracia e altos cargos, tanto oralmente como na escrita.
Variabilidade e Inestabilidade Gráfica do Galego Antigo
Os documentos escritos desta época presentan unha gran variabilidade lingüística e inestabilidade gráfica debido a dous factores principais:
- A ausencia dunha tradición escrita consolidada en romance.
- A tendencia a adaptar a ortografía latina á realidade idiomática do recén nado galego-portugués.