Termos Históricos: Taifas, Manso, Presura e Outros
Classificado em Outras línguas estrangeiras
Escrito em em português com um tamanho de 5,23 KB.
Taifas
Reinos que xurdiron da desmembración do califato de Córdoba en 1031. Estaban dominados polas oligarquías locais ou polos xefes militares das principais cidades de al-Ándalus. Enfrontados entre si, as fronteiras flutuaban e o seu poder foi cada vez máis débil, sendo incapaces de facer unha fronte común ante os ataques cristiáns, para o que buscaron o apoio de almorábides e almoades. O derradeiro reino taifa foi o de Granada, conquistado en 1492 polos Reis Católicos, dando así fin á Reconquista.
Manso
Unidade de explotación familiar (casa e terras de cultivo) que o señor feudal cedía en usufruto a un colono libre ou a un servo a cambio de certas prestacións e censos (pago de rendas). Xunto coa reserva señorial (terras directamente explotadas polo señor, xeralmente mediante as prestacións en traballo de colonos e servos) constituían os elementos básicos de explotación dos feudos na Alta Idade Media.
Presura
Forma inicial de repoboación organizada polos cristiáns a partir de finais do século VIII para ocupar as terras ermas, pouco poboadas ou que se ían reconquistando aos musulmáns. Os reis autorizaban a establecerse nun determinado territorio, que pasaba a ser propiedade de quen o ocupase e explotase. Houbo dúas modalidades: a oficial, desenvolvida polo rei ou polos seus delegados, e a privada, efectuada por nobres, eclesiásticos ou familias de campesiños libres.
Carta de Poboamento
Documento polo que os monarcas e os señores laicos e eclesiásticos concedían na época medieval privilexios forais a quen se establecese en determinados lugares ou cidades coa finalidade de atraer poboación e repoboar os territorios que estaban despoboados ou que se ían reconquistando aos musulmáns. En Galicia, os monarcas Fernando II e Afonso IX foron os que máis potenciaron a fundación ou repoboación de núcleos urbanos concedendo numerosos privilexios aos seus habitantes.
Mesta
Organización dos gandeiros do reino de Castela fundada en 1273 polo rei Afonso X. Estaba rexida polo Consello da Mesta, que chegou a ser unha poderosa institución ao servizo dos grandes gandeiros e da propia Coroa, que se beneficiaba das taxas pagadas pola exportación da la. Os privilexios dos gandeiros orixinaron numerosos conflitos cos agricultores ata que a Mesta foi abolida en 1836.
Abdicacións de Baiona
Nome polo que se coñecen as renuncias sucesivas que tiveron lugar o 5 de maio de 1808 dos reis Carlos IV e do seu fillo Fernando VII ao trono de España en favor de Napoleón Bonaparte na cidade francesa de Baiona (onde foran convocados tras os sucesos do motín de Aranxuez). O emperador francés, pouco despois, cederá tales dereitos ao seu irmán Xosé Bonaparte, que reinará como Xosé I. Este é un dos acontecementos que dará inicio á Guerra da Independencia española.
Afrancesados
Nome de carácter pexorativo co cal se coñece en España a unha minoría de partidarios da ocupación francesa da península Ibérica durante a guerra da independencia e que respaldaron a política reformista de Xosé I Bonaparte. Moitos deles tiñan ideas ilustradas ou liberais e consideraban que esta era a única posibilidade de lograr a renovación e o cambio en España. A obra máis destacada deste grupo foi a Constitución ou Estatuto de Bayona de 1808. En 1814, unha vez rematada a guerra, serán perseguidos por Fernando VII e, acusados de traidores, moitos deberán exiliarse a Francia.
Manifesto dos Persas
Documento subscrito en 1814 por 69 deputados de tendencia absolutista participantes nas Cortes de Cádiz no que se solicitaba a Fernando VII, tras o seu retorno do exilio en Francia, a abolición dos decretos promulgados polas Cortes de Cádiz e a Constitución de 1812, así como a restauración do Antigo Réxime. O documento recibiu o seu nome por unha referencia que se contén, ao principio do mesmo, sobre os costumes que había en Persia no momento do cambio dinástico. O manifesto serviu de apoio a Fernando VII para, co decreto de Valencia de 4 de maio de 1814, restaurar o poder absoluto do monarca e abolir toda a lexislación das Cortes de Cádiz “coma se non pasasen xamáis tales actos”.
Pragmática Sanción de 1830
Disposición promulgada por Fernando VII que anulaba a coñecida como Lei Sálica, aprobada por Filipe V, que impedía acceder ao trono ás mulleres. Esta medida supuxo a exclusión do irmán do rei, o infante Carlos de Borbón, do trono de España, e converteu a filla de Fernando VII, a futura Isabel II, en herdeira, o que motivará a primeira guerra carlista (Os partidarios de Carlos de Borbón non aceptaron a Pragmática e utilizaron a Lei Sálica para esixir a coroa española á morte do rei en 1833).
Pronunciamento
Levantamento de parte do exército, contando co apoio dun determinado sector da sociedade, que “se pronuncia” a favor do cambio do sistema político vixente. Foi empregado na España do s. XIX polas distintas faccións liberais para derrubar un goberno ou facer presión sobre él para que adoptase reformas. Foron frecuentes os que defendían o liberalismo fronte ao absolutismo de Fernando VII e os que defendían o liberalismo progresista fronte ao moderado no reinado de Isabel II.