Conceptos Clave da Historia Contemporánea de España
Abdicación de Baiona
Coa excusa de mediar nas disputas dinásticas entre Carlos IV e o seu fillo Fernando VII, Napoleón Bonaparte reuniunos en Baiona (Francia) en 1808 e obrigounos a cederlle os seus dereitos sobre a coroa de España a cambio de cuantiosas posesións, rendas e privilexios en Francia. Napoleón finalmente nomeou rei de España ao seu irmán Xosé Bonaparte.
Afrancesados
Españois partidarios de Xosé Bonaparte (1808-1814) e da Constitución de Baiona. Eran aristócratas e intelectuais ilustrados. Foron combatidos polos liberais e polos absolutistas dada a súa colaboración cos franceses entre 1808 e 1814. Houbo afrancesados políticos e comprometidos como Llorente e Azanza, culturais como Menéndez Valdés e afrancesados de conveniencia. Contra eles desatouse unha dura represión dende 1814.
Tratado de Valençay
Acordo firmado entre Napoleón (ao bordo da súa derrota en Europa) e Fernando VII en decembro de 1813. Este supoñía o remate das hostilidades entre franceses e españois e Fernando VII era reposto no trono de España. Coa sinatura deste tratado, dábase por concluída a Guerra de Independencia ou "guerra dos franceses".
Manifesto dos Persas
Documento público de apoio ao absolutismo de Fernando VII, escrito e asinado por 69 deputados absolutistas e opostos á Constitución de Cádiz. É coñecido por este nome porque comezaba coa frase: "Señor, era costume dos persas...". Tivo como consecuencia a implantación do Antigo Réxime por parte de Fernando VII.
Pragmática Sanción
Lei aprobada polas Cortes Xerais de 1789, a instancias de Carlos IV, para anular o auto acordado de Filipe V (1713) que introducira a Lei Sálica en España. Foi publicada por Fernando VII en 1830 para posibilitar que a súa filla Sabela II puidera ser raíña de España. A súa posta en práctica tivo como consecuencia as Guerras Carlistas.
Estatuto Real de 1834
Documento que se asemella a unha constitución na que o rei concedía certos dereitos ao pobo sen que este participara nesa concesión e sen recoñecer o principio de Soberanía Nacional. Foi concedido pola raíña rexente María Cristina de Borbón en 1834 e, por influencia francesa, tiña o carácter dunha Carta Outorgada, moi propia do liberalismo doutrinario. Nel a coroa non renuncia á Soberanía aínda que a comparte coas Cortes.
Desamortización
Modificación do réxime da propiedade mediante a apropiación e venda, por parte do Estado, de “bens de mans mortas" pertencentes ás institucións eclesiásticas e civís que tiñan prohibido o alleamento dos seus bens raíces. As principais operacións fixéronse a instancias de Mendizábal en 1837 e de Madoz en 1855.
Pronunciamento
Rebelión militar contra o goberno dun país para cambiar a súa orientación política ou para derrocalo. Ten a súa orixe na España do século XIX. Para que exista un pronunciamento ten que haber un acordo previo entre o líder militar sublevado (espadón) e a forza ou forzas políticas que o apoian. Foron moi comúns no século XIX. O primeiro que triunfou foi o pronunciamento de Riego en 1820, que obrigou a Fernando VII a acatar a Constitución de 1812.
Unión Liberal
Partido político que xurdiu en España durante o Bienio Progresista (1854-56) da unión entre os moderados máis avanzados e os progresistas máis conservadores. O partido foi reorganizado por O'Donnell entre 1858-63. Non era un partido de ideais, senón pragmático cuxos principios básicos foron conservar a Monarquía como forma de goberno pero alonxándoa das tentacións absolutistas; é dicir, abogaban por unha soberanía compartida entre o rei (ou raíña no caso de Sabela II) e as Cortes. Tamén querían reformar a Administración Pública nun sentido centralista e ofrecer certo grado de multipartidismo aos Moderados e Progresistas. Pretendía a reforma da lei de prensa -que non chegou a realizarse- e o mantemento dunha política económica de fortes inversións públicas.
Cantonalismo
Movemento político que defende a autonomía das rexións. Relaciónase co federalismo republicano español no período da I República. Iniciouse en 1873 en Cartaxena e estendeuse a outras zonas de España. O seu obxectivo era estender o federalismo ata as súas últimas consecuencias e baseábase na democracia directa, a autonomía de municipios, o reparto da terra... Provocou a crise da I República.
Manifesto de Sandhurst
Documento elaborado e redactado por Cánovas del Castillo e asinado polo fillo de Sabela II, Alfonso XII, na academia militar inglesa de Sandhurst onde se estaba formando. Foi firmado o 1 de decembro de 1874 e nel recollíanse as ideas básicas do proxecto da Restauración Borbónica: monarquía constitucional, bipartidismo, tolerancia relixiosa...
Sistema de quenda
Sistema bipartidista similar ao británico impulsado por Cánovas del Castillo no réxime da Restauración borbónica. Dous partidos políticos o puxeron en funcionamento alternándose pacificamente no poder: o partido Conservador, liderado por Cánovas, e o partido Liberal, liderado por Sagasta. Os outros partidos estaban excluídos, na práctica, de todo contacto co poder.
Caciquismo
O caciquismo foi unha práctica electoral levada a cabo durante o século XIX e principios do XX, que buscaba intervir nos resultados electorais a favor do candidato deseñado polos respectivos grupos oligárquicos. Consolidouse en España durante a Restauración (1874-1923). Os caciques encargábanse de controlar os votos de todas as persoas con capacidade de voto na súa totalidade, o cal era a base da alternancia política que o sistema da Restauración demandaba.
Encasillado
Durante a Restauración (1874-1923), distribución previa dos escanos das Cortes entre os partidos que se presentan ás eleccións. Era unha lista elaborada polo ministerio da Gobernación e garantida polo caciquismo. O encasillado era unha das bases para asegurar o sistema de quenda ou turnismo. Era un dos mecanismos para o fraude electoral onde o goberno convocaba as eleccións, as organizaba e manipulaba a conveniencia.
Pucherazo
O pucherazo era un dos métodos de manipulación electoral usados principalmente durante o período da Restauración borbónica en España para permitir a alternancia pactada previamente entre o Partido Liberal e o Partido Conservador, dentro do modelo de dominación política local (sobre todo nas zonas rurais e nas cidades pequenas) coñecido como caciquismo. Para levar a cabo a manipulación, gardábanse papeletas de votación (por exemplo en pucheiros, de onde vén a denominación que se popularizou), e engadíanse ou se sustraían na urna electoral a conveniencia do resultado desexado.
Ludismo
O ludismo foi un movemento social que se caracterizou pola oposición á introdución de maquinaria moderna no proceso produtivo. Desenvolveuse durante as primeiras etapas do proceso de industrialización e deu lugar a violentas accións de destrución de máquinas. A súa orixe remóntase á acción de "Ned Ludd", un tecedor que en 1779 destruíu o tear mecánico que manipulaba. En España a primeira manifestación do ludismo foron os sucesos de Alcoy de 1821. Posteriormente déronse accións luditas en Barcelona e Camprodón. Destaca o incendio da fábrica Bonaplata en 1835 e a destrución das selfactinas (máquinas para fiar) en 1855.
Rexeneracionismo
Chámase Rexeneracionismo ao movemento intelectual que entre finais do século XIX e principios do XX medita obxectiva e cientificamente sobre as causas da decadencia de España como nación e esixe unha reforma política urxente que solucione os problemas políticos do país. Tras o desastre de 1898 e a liquidación do imperio colonial español xurdiu na sociedade española este espírito renovador, desenvolvéndose unha corrente política e cultural de crítica ao sistema da Restauración cuxo líder, Xoaquín Costa, propoñía modernizar o país con reformas educativas, económicas e culturais como remedio aos seus males.