Conceptos Clave da Historia Contemporánea de España
Classificado em História
Escrito em em
com um tamanho de 3,52 KB
Tratado de Valençay
Acordo de paz asinado en decembro de 1813 nesa cidade francesa polo que o emperador Napoleón Bonaparte aceptaba a suspensión das hostilidades, o retorno de Fernando VII ao trono de España, a devolución dos territorios ocupados e a renuncia de Xosé I. Produciuse como consecuencia das derrotas e o deterioro progresivo do exército francés. Tanto as tropas francesas como británicas debían abandonar España, pois Napoleón buscaba que España se desvinculase de Inglaterra e non se sumase á guerra en territorio francés. Coa sinatura deste tratado deuse por concluída a Guerra da Independencia ou “guerra do francés”.
Desamortización
Proceso legal que, previa expropiación, puxo en venda, en poxa pública, os bens pertencentes á Igrexa (“mans mortas”) e aos concellos (baldíos, “comúns” e “propios”). Foi realizada principalmente na España do século XIX durante os gobernos progresistas por:
- Mendizábal (1836): desamortización de bens do clero regular.
- Espartero (1841): desamortización de bens do clero secular.
- Madoz (1855): desamortización xeral.
Entre os obxectivos estaban: reformar a estrutura da propiedade da terra, obter recursos para Facenda e ampliar o apoio á causa liberal.
Estatuto Real
Nome que recibe o Decreto de 1834 polo que a raíña rexente María Cristina de Borbón convocaba as Cortes do reino de España e co que se pretendía realizar concesións políticas aos liberais. Polo seu contido, considérase como unha “carta outorgada”, xa que a Coroa renunciaba a manter en exclusiva o poder, admitindo unha ampliación da participación política en beneficio das clases posuidoras, pero conservaba en exclusiva a soberanía e non recollía a separación de poderes nin dereitos dos cidadáns. O carácter conservador do Estatuto Real provocou o rexeitamento da maior parte dos liberais, que reclamaban o retorno ao espírito de Cádiz, e tampouco contentou aos absolutistas, que seguiron apoiando a causa carlista.
Sufraxio censatario e universal
O sufraxio é o dereito político que permite elixir, mediante o voto, aos cargos públicos. Foi introducido polo liberalismo ao longo do século XIX nas sucesivas Constitucións:
- Censatario: limita este dereito só a unha parte da poboación que teña unhas características precisas (económicas, sociais ou educacionais) que lle permitan estar inscritas nun “censo electoral”.
- Universal: soamente establece como condición para votar a maioría de idade.
En España, o censatario foi defendido polos liberais e o universal polos demócratas. O sufraxio universal foi inicialmente só masculino ata que a Constitución republicana de 1931 estableceu o dereito de voto das mulleres.
Unión Liberal
Partido político de carácter liberal fundado en 1858 polo xeneral Leopoldo O'Donnell. Nel participarán, xunto con numerosos militares, os sectores máis progresistas que veñen do partido moderado e os máis moderados que proveñen do partido progresista. Era un partido de centro, sen unha ideoloxía concreta, senón máis ben pragmático. Na práctica, tratouse de crear un partido que estabilizase os distintos gobernos da segunda década moderada isabelina. Partidarios da monarquía constitucional de Isabel II, gobernaron de 1858 a 1863 e de 1865 a 1866, destacando as campañas de prestixio militar que desenvolveron no exterior.