A Cultura Galega sob o Franquismo e a Recuperação Cultural
Classificado em Espanhol
Escrito em em
português com um tamanho de 4,34 KB
Cando comeza a Guerra Civil, Galiza queda axiña baixo o dominio dos sublevados e inicíase unha forte represión xeneralizada. Algúns dos máis destacados galeguistas pagárono coa vida (Alexandre Bóveda, Ánxel Casal), outros con expedientes (Otero Pedrayo) ou cárcere (Carballo Calero) e os máis afortunados co exilio (Castelao). Todo o esplendor anterior queda reducido ao silencio, e durante os primeiros anos da ditadura son os intelectuais do exilio americano os que manteñen viva a cultura galega creando editoriais, revistas, programas de radio... A capital da cultura galega é agora Bos Aires, con figuras como Castelao, Rafael Dieste, Luís Seoane, Blanco Amor... O galego convértese nunha lingua inferior, que só se utiliza coa familia ou cos amigos, pois o seu uso público podía supor a perda do traballo ou mesmo da liberdade, aínda que non estea legalmente prohibida. A recuperación cultural inicíase lentamente ben avanzada a década dos 40, coa publicación de Cómaros Verdes en 1947 ou coa creación da colección de poesía Benito Soto en 1949. Pero será en 1950 cando un grupo de intelectuais (Ramón Piñeiro, Fernández del Riego, Otero Pedrayo) funda a editorial Galaxia, que terá unha importancia capital para a recuperación da nosa cultura. Nela publicarán os seus libros Fole, Cunqueiro e escritores mozos como Méndez Ferrín e Carlos Casares.
Na década dos 60 xorden os partidos nacionalistas, clandestinos e minoritarios, créanse asociacións culturais que loitan polo noso idioma e cultura, e comeza a haber un certo recoñecemento, ou polo menos tolerancia, desde a esfera oficial. Exemplo disto son a celebración do Día das Letras Galegas desde o ano 1963; a creación en 1965 da cátedra de Lingua e Literatura Galega na Universidade de Santiago; ou a aparición doutras editoriais e revistas monolingües. En 1974 a TVE comeza a emitir en galego a media hora do programa Panorama de Galicia. Malia este proceso de recuperación de usos, o fenómeno de desgaleguización social avanza durante a etapa da ditadura franquista a un ritmo moito máis acelerado:
- A) A partir dos anos 60 aumenta o éxodo do campo á cidade, o que conleva un aumento da castelanización por imitación das clases altas ou medias.
- B) O ensino, cada vez máis universal, desenvólvese exclusivamente en castelán.
- C) A Igrexa, na súa maioría, utiliza o castelán, e esa será a lingua da liturxia cando o Concilio Vaticano II (1963) abandone o latín.
- D) Os medios de comunicación de masas (sobre todo a radio e a televisión) utilizan case exclusivamente o castelán.
Mais, malia todos os atrancos, o galego segue sendo, no ano 1975, a lingua maioritaria do país (75-80% dos falantes). No camiño de busca dunha norma culta, dáselle a este período o nome de galego protoestándar: sobre a base construída na preguerra, trátase agora de buscar unha maior simplificación ortográfica (eliminación de guións e apóstrofos), de adoptar solucións supradialectais, de corrixir os excesos diferencialistas e hiperenxebristas da etapa anterior e de depurar o léxico (rexeitamento de castelanismos, incorporación de neoloxismos e cultismos...). Nesta tarefa tivo moita importancia a editorial Galaxia, co modelo de lingua dos textos que publicaba.
Autores e obras
- Emilio Pita (1909-1981): Jacobusland, Cantigas dos Nenos.
- Lorenzo Varela (1914-1979): 4 pomeas pra 4 grabados, Lonxe.
- Manuel Varela Buxán (1909-1986): Se o sei non volvo pra casa, Pola Nosa Culpa, Taberna sen Dono.
- Luís Seoane (1910-1979): Fardel de eisiliado, A Brétema de Sant-Lago, As Cicatrices, A Maior Abondamento.
- Ramón Valenzuela (1914-1980): Non agardei por ninguén, Era tempo de Apandar. Teatro: As bagoas do Demo.
- Eduardo Blanco Amor (1897-1979): Novelas: A esmorga, Xente ao Lonxe. Relatos: Os biosbardos (Auria). Teatro: Farsas para títeres e Teatro pra xente.
- Silvio Santiago: Vilardevós, o Silencio Redimido.