O Galego a Finais do Século XX e Comezos do XXI

Classificado em Espanhol

Escrito em em português com um tamanho de 3,55 KB

A morte de Franco en 1975, o fin da ditadura, a Constitución democrática de 1978 e o Estatuto de Autonomía de 1981 enmarcan a nova situación legal do galego neste período. En España recoñécese a realidade plurilingüística e en Galiza o galego é lingua cooficial. En 1984 crearonse a Radio e a Televisión públicas de Galiza, que fomentaron o uso do idioma a través das súas emisións. Ademais, outras leis aprobadas no Parlamento Galego inciden directamente na consideración da lingua, entre elas a Lei de Normalización Lingüística de 1983, que pretende garantir e regular o uso do galego na nosa comunidade.

A pesar de toda esta protección legal, a realidade indica que en moitos ámbitos estamos lonxe de conseguir os obxectivos normalizadores. Podemos ir vendo o que sucede nos distintos ámbitos:

  • No ensino primario e secundario, o galego é unha materia obrigatoria equiparable a calquera outra. Pero na educación universitaria, o galego como lingua vehicular é moito menos utilizado que o castelán, especialmente en carreiras científicas ou técnicas.
  • Na administración pública, o galego debe ser, por lei, a lingua habitual; e en moitos casos, é. Axudaron a isto todas as administracións galegas: a documentación, os informes, etc. están redactados en galego.
  • Na cultura é onde o galego está máis presente. O seu uso é xeneralizado nas publicacións literarias, representacións teatrais, presentacións artísticas, etc. Nas gravacións de música popular e nos repertorios dos grupos festeiros cada vez hai máis letras en galego. Con todo, hai unha eiva moi grande, que son as dobraxes do cinema comercial.
  • Na empresa privada, o uso do galego avanza moi lentamente. É a presión dos consumidores a que está movendo algunhas empresas a empregar o galego nas súas comunicacións (contestador automático, atención ao cliente, etc.).
  • Na política, case todos os políticos o utilizan en público ou diante dunha cámara ou gravadora, tamén nas campañas electorais. Pero a realidade indica que, fóra destes contextos, moitos mostran un escaso compromiso co galego.
  • Na Igrexa, as autoridades eclesiásticas son refractarias ao uso do galego, e a presión de grupos de cristiáns de base permite que algunhas liturxias se expresen en galego.
  • Nos medios de comunicación galegos, a presenza do galego é escasa. Fóra da RTVG, os demais medios audiovisuais e escritos destinan pequenos espazos para a emisión ou publicación en galego. Mesmo nos últimos anos han desaparecido medios que empregaban o galego.
  • Na rede, a falta de vontade das autoridades para facilitar ferramentas en galego fai que, para moitas consultas, haxa que acudir a páxinas que poderían estar en galego e non o están.

O maior perigo para a supervivencia do galego é a quebra da transmisión como lingua familiar no seo das familias aínda galegofalantes.

Características lingüísticas

  1. O galego empregado oralmente en público e por escrito é un galego estandarizado, ao alcance de toda a poboación.
  2. É unha lingua libre de castelanismos prescindibles e de vulgarismos.
  3. Os dialectalismos redúcense á conversa oral e espontánea, rexistrando cada falante as características propias da súa zona.
  4. O léxico é amplísimo e pode atender toda a variedade de contextos, temas e ámbitos de uso imaginables na comunicación.

Entradas relacionadas: