Glossario de Historia Contemporánea de España
Classificado em Outras línguas estrangeiras
Escrito em em
português com um tamanho de 10,71 KB
Conceptos Clave da Historia Contemporánea de España
Caciquismo
Sistema no cal unha persoa potentada, nun pobo ou bisbarra, exerce excesiva influencia en asuntos políticos. Con frecuencia, a súa intervención era decisiva no resultado das eleccións. Isto acaba creando toda unha serie de redes clientelares para o control do país ou rexión.
Encasillado
Encasillado (o termo correcto en galego é encadrado): durante a Restauración, era o ministro de Gobernación o que elaboraba a lista dos que debían ser elixidos deputados. Os gobernadores civís transmitíana aos alcaldes e caciques e todo o aparello administrativo poñíase ao seu servizo co fin de garantir a elección dos deputados previstos.
Manifesto de Sandhurst
O Manifesto de Sandhurst foi un manifesto de carácter político asinado o 1 de decembro de 1874 polo entón príncipe Afonso de Borbón (futuro rei Afonso XII de España), mentres se atopaba no exilio; pero que foi elaborado por A. Cánovas del Castillo. Neste plasmáronse as características básicas do novo sistema da Restauración: monarquía liberal de carácter conservador e católico, manifestando o mantemento da orde social. Tras este pronunciouse Martínez Campos, permitindo a entrada da monarquía.
Pucherazo
Sistema de manipulación ou fraude electoral, que consiste no cambio de papeletas fraudulento nas urnas, durante un proceso electoral. Deuse con frecuencia durante o período da Restauración (1876-1923) e vinculado ao sistema de quendas creado durante o sistema canovista. Esta foi realizado co apoio dos caciques locais, e para conseguir os votos necesarios para establecer o encadrado ou encasillado do Parlamento.
Rexeneracionismo
Movemento intelectual e político da España de finais do século XIX que propoñía por fin ao corrupto sistema político da Restauración e ao desigual reparto da terra, e fomentar o ensino para elevar o nivel cultural dos españois. Tivo como expoñente principal a Joaquín Costa.
Sistema de Quenda
Tamén coñecido co nome de “Turnismo”: durante a Restauración, os dous grandes partidos acordaban a alternancia no poder, corrompendo as eleccións. É o chamado “turno pacífico” (en galego “turno” é quenda).
Desastre de Annual
Fai referencia a unha terrible derrota sufrida polo Exército español no verán de 1921 no Norte de Marrocos, cando trataba de ocupar a zona do protectorado concedida a España no Tratado de Alxeciras (1906). As tropas españolas foron derrotadas e as súas posicións foron destruídas. A incapacidade dos mandos imposibilitou unha retirada organizada, e acabou provocando a morte de miles de soldados ou a súa captura polos marroquís.
Directorio Militar
O directorio militar foi un órgano de goberno que presidiu España durante a 1ª fase da Ditadura de Primo de Rivera entre 1923 ata 1925. Este estaba formado por militares e presidido por Miguel Primo de Rivera. Este exerceu o goberno por medio de decretos tras suprimir as Cortes e a Constitución de 1876. Caracterizouse pola restrición de liberdades e dereitos e a represión do movemento obreiro. Tivo como principal preocupación a Guerra en Marrocos, que foi solucionada tras o desembarco de Alhucemas en 1925.
Expediente Picasso
Expediente Picasso é o nome que recibe o informe redactado polo xeneral Juan Picasso sobre os acontecementos que levaron á derrota española en Marrocos durante xullo e agosto de 1921. Neste acusa os altos mandos de ineficacia e cúlpaos do Desastre de Annual.
Semana Tráxica
Sucesos acontecidos en Barcelona en xullo de 1909, con motivo do embarque de soldados reservistas con destino á Guerra de Marrocos. A oposición popular levou a unha folga que evolucionou en motín popular, que xerou violentos incidentes (queima de conventos e igrexas, barricadas nas rúas, violencia, saqueos, etc.). O Goberno declarou o “estado de guerra” e enviou ó Exército para reprimir a sublevación, que provocou centos de mortos e feridos. Isto acabou levando os xuízos de Montjuïc, onde foi xulgado o anarquista Francisco Ferrer, acusado de instigador moral dos sucesos. Estes acontecementos e as súas consecuencias causaron un gran escándalo e determinaron a caída do Goberno Maura.
Unión Patriótica
Este foi un partido político creado e organizado en 1924 por Miguel Primo de Rivera, e foi disolto tras a caída da ditadura en 1930. Pretendía ser unha institución para apoiar a ditadura e servir de mobilización de masas. Posuía unha organización xerárquica: na cúspide atopábase Primo de Rivera como xefe nacional, e estaba auxiliado polo Directorio Nacional e a Asemblea Nacional. Esta pretendía achegar un apoio ideolóxico mediante a promoción de actividades educativas, morais e cidadás.
Desamortización
Conxunto de leis realizadas durante o s. XIX que modificaron o réxime de propiedade. Esta veu ligada a toda unha serie de cambios propios do sistema liberal en España, que provocou a desaparición da estrutura da propiedade da terra do Antigo Réxime. Para iso o Estado apropiouse de toda unha serie de terras, que puxo en venda por medio de poxas públicas. Entre as máis coñecidas temos a de Mendizábal (1835), Espartero (1840) e Madoz (1855). Estas adoitaron realizarse durante o goberno dos liberais progresistas.
Agrarismo
Movemento popular levado a cabo polo campesiñado, que tivo maior importancia durante o primeiro terzo do s. XX. Estes tiveron especial importancia en Galicia e Cataluña, polo interese dos campesiños de facerse coa propiedade plena da terra que cultivaban, e debido á evolución do sistema foral. No caso de Galicia destacaron asociacións como Solidariedade Galega ou Acción Galega. Todo rematou coa Lei de Redención de Foros publicada en 1926 durante a Ditadura de Primo de Rivera.
Ludismo
Son as primeiras protestas obreiras que consistían en destruír as máquinas, ás que crían causantes da súa explotación. A palabra vén de Ned Ludd, un lendario obreiro inglés, o primeiro que destruíu un tear. Logo fíxose costume esta práctica e asinaban como “capitán Ludd”. Son as protestas ludistas.
Bienio Negro
Etapa, tamén coñecida como Bienio Conservador durante a II República Española, que vai dende 1933 ata 1936 (febreiro). Durante este período gobernou unha coalición formada polos partidos conservadores: CEDA de Gil Robles e o Partido Radical de Alejandro Lerroux. Este goberno de coalición intentou paralizar as reformas do goberno de Manuel Azaña.
CEDA
Confederación Española de Derechas Autónomas. Partido político católico e autoritario fundado en 1933 a partir da integración de diversas forzas de dereitas (Acción Popular, Derecha Regional Valenciana, etc.). Liderado por José María Gil Robles, que se converteu na principal oposición a Azaña. Nas eleccións de novembro de 1933 logrou un gran éxito, e formou alianza co Partido Radical de Alejandro Lerroux durante o Bienio Negro.
FAI
Federación Anarquista Ibérica. Grupo fundado na clandestinidade en 1927 por anarquistas (Durruti, Ascaso, García Oliver). Defendía a acción directa revolucionaria, as colectivizacións e pretendía liberar á CNT de calquera influencia comunista ou reformista. Durante a II República os membros da FAI terminaron controlando a CNT e apartando ós moderados. O seu enfrontamento constante coa República (insurreccións e folgas) debilitou ó movemento libertario, e provocou a radicalización das demais organizacións obreiras, danando a propia II República.
Fronte Popular
Alianza electoral de partidos republicanos e obreiros (socialistas, comunistas e anarquistas) que, con vistas ás eleccións de febreiro de 1936, pretendía evitar o avance dos grupos de dereita. O programa electoral incluía como punto fundamental a amnistía e a rehabilitación dos procesados polos sucesos de outubro de 1934. Esta alianza logrou obter unha axustada vitoria nas eleccións e o presidente da II República encargoulle formar goberno a Manuel Azaña.
Pacto de San Sebastián
O Pacto de San Sebastián foi realizado o 17 de agosto de 1930 entre forzas republicanas, antidinásticas, nacionalistas, etc. Tiñan como obxectivo deseñar unha futura República Española baixo unha serie de principios: garantía de liberdade relixiosa e política, elección de Cortes Constituíntes e a autonomía das rexións. Foi un pacto non escrito, favorecendo que os participantes interpretasen as decisións ós seus intereses.
Sección Femenina
A Sección Femenina foi a rama feminina de Falange Española, que foi creada e dirixida por Pilar Primo de Rivera en 1934. Defendía unha serie de valores propios da muller segundo os valores do movemento nacionalcatólico, e no que a muller debía ocupar unha posición subordinada ó home. Foi disolta en 1977 ó igual que FET de las JONS.
Sanjurjada
Coñécese a Sanjurjada como o fracasado golpe de estado producido o 10 de agosto de 1932 contra a II República. Foi planeado e liderado polo xeneral José Sanjurjo. Fracasou debido a que gran parte do exército non participou no alzamento, e á falta de organización política que apoiase a sublevación.
Brigadas Internacionais
Corpo de voluntarios estranxeiros, de diferentes nacionalidades, que viñeron a España a axudar ó bando republicano durante a Guerra Civil. As Brigadas estaban sostidas ideoloxicamente por diferentes tendencias políticas, especialmente comunistas e militantes de esquerda. Tiveron unha especial importancia na defensa de Madrid fronte ás tropas nacionais e en diferentes frontes. A II República decidiu retiralos da guerra a finais de 1938.
FET das XONS
Termo que refire a Falange Española Tradicionalista y de las Juntas de Ofensiva Nacional Sindicalista, creadas durante o franquismo mediante o decreto de Unificación de 1937. Este manifestouse como o único partido legal durante o réxime franquista. En 1977 foi disolto por Adolfo Suárez.
Lexión Cóndor
Corpo de tropas enviadas pola Alemaña nazi a España para axudar a Franco durante a Guerra Civil. Eran forzas de aviación, baixo mando alemán, que desempeñaon un papel clave intervendo en numerosas accións, algunhas das cales, como o bombardeo de Guernica, alcanzaron gran resonancia. A súa presenza outorgoulle o dominio do aire e contribuíu á vitoria de Franco.
Nacionalcatolicismo
Ideoloxía que serviu de base ó réxime de Franco durante a ditadura (1939-1975). Nela maniféstase o control do Estado sobre a sociedade por medio da Igrexa católica, que controla gran parte da vida pública e privada dos individuos, a educación e as manifestacións culturais ou artísticas.