Guía de Metodoloxías e Técnicas de Ensino
Classificado em Espanhol
Escrito em em
português com um tamanho de 10,22 KB
Práctica 4
Metodoloxías
- Análise de fontes documentais, xa que tivemos que realizar unha revisión bibliográfica para obter información acerca das tres visións.
- Aprendizaxe colaborativa, porque realizamos unha posta en común sobre a información recollida para resolver problemas e optimizar os contidos para unha mellor aprendizaxe.
- Esquemas, porque tratan dunha representación gráfica para poder aclarar os contidos das tres visións e poder obter unha visión global acerca das tres.
- Presentación oral, porque fixemos unha exposición verbal, unha especie de teatro, expoñendo unha das tres visións de maneira cotiá.
- Proba oral, xa que ao rematar a presentación, o profesor realizounos preguntas para ver se comprendemos os contidos, de maneira que tivemos que xustificar porque criamos que estabamos realizando esa visión en concreto.
Catálogo de Metodoloxías e Técnicas
Actividades iniciais
Actividades que se realizan antes de iniciar calquera proceso de ensino-aprendizaxe a fin de coñecer as competencias, intereses e/ou motivacións que posúe o alumnado para alcanzar os obxectivos propostos, vinculados a un programa formativo. Con isto preténdese saber o grao de consecución para levar a cabo aprendizaxes eficaces e significativos partindo dos saberes do alumnado.
Análise de fontes documentais
Técnica metodolóxica na que se utilizan documentos audiovisuais e/ou bibliográficos relevantes para levar a cabo a temática da materia. Pódese empregar como introdución dun tema, para a presentación de situacións complexas, síntese de contidos...
Debate virtual
Técnica grupal que xira en torno a unha discusión (diálogo) sobre un tema específico seguindo un esquema previsto. Intervén un moderador, e lévase a través dun contorno virtual (chat/foro).
Aprendizaxe colaborativa
Conxunto de procedementos de ensino-aprendizaxe guiados e/ou apoiados con TIC, que se basean na organización da clase en pequenos grupos, que traballan conxuntamente na resolución dunhas tarefas dunha asignatura, optimizando a aprendizaxe propia e a dos demais.
Discusión dirixida
Técnica de dinámica de grupos na que os membros discuten de forma libre, informal e espontánea sobre un tema. (Pode haber moderador).
Esquemas
Representación gráfica e simplificada da información que conleva determinados contidos de aprendizaxe.
Estudo de casos
Metodoloxía onde o suxeito se enfronta á descrición dunha situación específica que suscita un problema (caso) que ten que ser comprendido, valorado e resolto por un grupo de persoas a través do proceso de discusión.
Eventos científicos e/ou divulgativos
Actividades realizadas pelo alumnado que implican a súa asistencia e participación en eventos (congresos, conferencias, exposicións...) co obxectivo de profundizar en coñecementos de temas de estudo.
Foro virtual
Espazo virtual (foro) de discusión informal destinado aos estudantes para o tratamento dun tema/problema.
Glosario
Recurso que consiste na explicación e contextualización dun conxunto de termos/conceptos propios dun material especializado para facilitar a súa comprensión.
Investigación (Proxecto de investigación)
Proceso de ensinanza orientado á aprendizaxe do alumnado mediante a realización de actividades de carácter práctico a través das cales se propoñen situacións nas que o estudante debe identificar o problema, formulalo con precisión, desenvolver os procedementos pertinentes, interpretar os resultados e sacar as conclusións oportunas.
Lecturas
Conxunto de textos e documentación escrita que se recolleron e editaron como fonte de profundización nos contidos de traballo.
Mapa conceptual
Técnica de traballo individual que consiste en establecer relacións entre os conceptos clave duns contidos (representacións de relacións entre conceptos). Están formados por conceptos e palabras enlace formando frases, e teñen unha orde que vai dende o importante e xeral aos exemplos e detalles.
Mesa redonda
Técnica de dinámica de grupos na que cada un dos grupos especialistas nun tema ten puntos de vista diverxentes ou contraditorios, e levan a cabo unha discusión diante dun grupo, coordinados por un moderador.
Obradoiro
Modalidade formativa orientada á aplicación de aprendizaxes na que se poden combinar diversas metodoloxías/probas (exposicións, debates...) a través das cales o alumnado realiza unhas tarefas prácticas sobre un tema, co apoio e supervisión do profesorado.
Portafolios do alumno
É unha carpeta ou archivador ordenado por seccións identificadas que contén os rexistros ou materiais produto das actividades de aprendizaxe realizadas polo alumno; tamén inclúe as notas e comentarios do profesor, vendo así o seu progreso.
Práctica de actividade física
Metodoloxía que permite ao alumnado aprender de maneira efectiva a través de actividades físicas e/ou deportivas de carácter práctico (execución de actividades psicomotoras, sociomotoras).
Prácticas a través de TIC
Metodoloxía que lle permite ao alumnado aprender de forma efectiva, a través de actividades prácticas, a teoría dun ámbito de coñecemento a través das TIC.
Prácticas clínicas
Proceso instrucional que ten lugar nun ambiente natural relacionado co exercicio dunha profesión, no que os estudantes observan e participan en actividades clínicas deseñadas para levar á práctica a teoría e os principios aprendidos.
Prácticas de laboratorio
Metodoloxía que permite que os estudantes aprendan efectivamente a través da realización de actividades de carácter práctico (experimentos, exercicios...).
Presentación oral
Exposición verbal na que o alumnado e profesorado interactúan de modo ordenado propoñendo cousas e expoñendo temas, traballos...
Proba de asociación
Proba obxectiva na que se presenta unha serie de elementos en dúas columnas paralelas, en que cada palabra dun lado asóciase cos elementos da outra columna (establecer relacións cos elementos dos dous grupos).
Proba de completar
Proba obxectiva na que se pretende provocar o recordo da aprendizaxe, presentando o enunciado que debe completarse cunha palabra específica, cifra, símbolo...
Proba de discriminación
Proba obxectiva que consiste en optar por unha das opcións/alternativas que se presentan a unha cuestión. Estas variantes de alternativa poden ser si/non ou V/F.
Proba de ensaio
Proba na que se busca responder por escrito a preguntas de certa amplitude, valorando que se proporcione a resposta esperada, combinada coa capacidade de razoamento, creatividade e espírito crítico. Utilízase para a avaliación diagnóstica, formativa e sumativa.
Proba de ordenación
Proba obxectiva na que se ten que ordenar unha serie de elementos ou datos segundo un criterio.
Proba de resposta breve
Proba obxectiva dirixida a provocar o recordo dunha aprendizaxe presentada (enunciado en forma de pregunta para responder cunha frase específica, palabra...).
Proba de resposta múltiple
Proba que consiste en formular unha cuestión en forma de pregunta directa ou de afirmación incompleta, e varias opcións/alternativas de resposta nas que só unha é válida.
Proba obxectiva
Proba para a avaliación da aprendizaxe que permite avaliar coñecementos, capacidades, destrezas... É de aplicación tanto para a avaliación diagnóstica, formativa como sumativa.
Proba mixta
Proba que integra preguntas tipo probas de ensaio e preguntas tipo probas obxectivas.
Proba oral
Proba na que se busca responder, de forma oral, a preguntas curtas ou de certa amplitude, valorando a capacidade de razoamento, creatividade e espírito crítico. Permite avaliar habilidades que non se poden avaliar coas probas escritas.
Recensión bibliográfica
Proceso de lectura crítica dun libro, artigo, tese ou comunicación a un congreso. Comprende a lectura, a análise do contido e unha crítica e valoración da mesma en relación ao tema.
Resumo
Síntese dos principais contidos traballados. É un recurso óptimo para facilitar a comprensión e concentración sobre a materia de estudo, así como unha axuda de repaso e preparación de exames.
Saídas de campo
Actividades desenvolvidas nun contexto externo ao contorno académico universitario, relacionadas co ámbito de estudo da materia (actividades centradas na observación directa, recollida de información...).
Seminario
Técnica de traballo en grupo que ten como finalidade o estudo intensivo dun tema. Caracterízase pola discusión, participación, elaboración de documentos e conclusións ás que teñen que chegar todos os compoñentes.
Sesión maxistral
Exposición oral complementada co uso de medios audiovisuais e a introdución de preguntas dirixidas aos estudantes, coa finalidade de transmitir coñecementos e facilitar a aprendizaxe.
Simulación
Representación dun fenómeno de natureza física, técnica ou psicolóxica que permite unha análise máis sinxela, económica ou inocua que se se levara a cabo sobre o orixinal ou na realidade.
Solución de problemas
Técnica mediante a que se ten que desenvolver unha situación problemática concreta a partir dos coñecementos traballados, e que pode ter múltiples solucións.
Traballos tutelados
Metodoloxía deseñada para promover a aprendizaxe autónoma dos estudantes baixo a tutela do profesor. Aprendizaxe de "como facer as cousas". Este sistema baséase en dous elementos básicos: aprendizaxe independente dos estudantes e o seguimento desa aprendizaxe polo profesor titor.
Xogo de rol ou role playing
Técnica de dinámica de grupos que ten como obxectivo axudar a desenvolver a perspectiva social e a empatía mediante a representación de diferentes papeis dentro de situacións conflitivas nas que interveñen diferentes posturas combinadas.