Hispania Romana e Al-Ándalus: Conquista, Romanización e Dominio Musulmán

Classificado em Espanhol

Escrito em em português com um tamanho de 9,63 KB

1. Os pobos prerromanos da Península Ibérica

Pobos do centro e do leste peninsular. Recibían menores influencias dos colonizadores e neles detéctanse influencias de pobos orixinarios de Europa, como os celtas. Foron denominados polas fontes romanas como celtas ou celtíberos. Os pobos máis próximos á área ibérica (para ser máis concretos no alto Duero e no Sistema Ibérico) son os propiamente celtíberos (arévacos, lusones, pelendones, etc.). Ademais de celtíberos atopamos lusitanos, vacceos...

Nuns predominaba a actividade agrícola, noutros a gandaría. Atopamos pouco desenvolvemento da artesanía e do comercio. Dominaban a metalurxia do ferro e, en ocasións, atopamos núcleos de poboación fortificados (Numancia).

2. Conquista e romanización (etapas)

A Hispania romana

A presenza romana na Península Ibérica prolongouse desde finais do século III a. C., momento no que se iniciou a conquista, ata principios do século V d. C., cando o desmembramento do Imperio favoreceu o asentamento en Hispania dalgúns grupos de pobos xermánicos. Durante este tempo a Península foi un territorio máis dentro dun imperio que abarcaba a totalidade das terras que baña o Mediterráneo.

Etapas da conquista: 218 a. C. (desembarco de Escipión en Ampurias) – 19 a. C. (Augusto somete a cántabros e astures)

A conquista de Hispania por parte dos romanos foi un proceso de longa duración, que comezou a finais do III a. C. e non concluíu ata uns douscentos anos despois, a finais do século I a. C. Os romanos non tiñan un plan determinado de conquista. O seu interese inicial debeuse á necesidade de contrarrestar aos cartaxineses.

  • 1ª Fase: Conquista da zona mediterránea no contexto do enfrontamento con Cartago (Guerras Púnicas). No 218 a. C. chegan á Península, no 209 a. C. conquistan Cartago Nova e no 206 a. C. Gades. Ao comprobar as riquezas da península deciden instalarse, conquistando rapidamente as zonas do leste e do sur, os pobos que máis contacto tiveran cos pobos colonizadores (fenicios e gregos).
  • 2ª Fase: Conquista do centro, do occidente e, máis tarde, do noroeste da Península. Nestas zonas atoparon forte resistencia dos nativos, producíndose longas e custosas guerras: guerras lusitanas (154-137 a. C.) e guerras celtibéricas (154-133 a. C.). Viriato (un caudillo lusitano) e Numancia simbolizan esta resistencia.
  • 3ª Fase: En tempos de Augusto (29-19 a. C.) produciuse o sometemento dos pobos do norte (guerras cántabras), cántabros e astures.

O proceso de romanización

Chamamos proceso de romanización á introdución en Hispania (por vía pacífica ou pola forza) dos elementos da súa organización política e cultural. Estes elementos entran en relación coas sociedades indíxenas, aínda que impoñéndose os elementos romanos. Este proceso é máis intenso no leste e no sur, e é débil no norte montañoso, sobre todo no País Vasco e Navarra.

Os vehículos de romanización foron:

A división administrativa

Hispania foi o nome co que os romanos designaron ao conxunto da Península Ibérica. Nun primeiro momento foi dividida en dúas provincias: a Citerior (a zona mediterránea ata a actual Cartaxena) e a Ulterior (o sur). No século I, en tempos de Augusto, foi dividida en tres provincias: Tarraconense, Bética e Lusitania, con capitais en Tarraco, Cúrdoba e Emérita Augusta.

En tempos de Diocleciano (finais do século III d. C.) quedou dividida en seis provincias: Gallaecia, Tarraconense, Bética, Lusitania, Cartaxinense e Mauritania Tingitana (norte de África). Xa no século IV engadiuse a provincia Baleárica.

As provincias, administradas por un gobernador, eran á súa vez divididas en conventos, e estes en civitas. As civitas estaban formadas por un núcleo urbano e un territorio circundante, eran gobernadas por unha cúria ou consello e uns maxistrados.

O legado cultural

O principal legado cultural é, xunto coas obras públicas, a lingua, o dereito e a relixión.

O latín impúxose e desprazou as linguas prerromanas, como lingua oficial e privada. O latín deu orixe ás principais linguas da España actual, como o castelán, o catalán e o galego.

O dereito romano é aínda a base substancial da nosa lexislación. Regulaba a convivencia nunha sociedade máis complexa que as indíxenas.

Un dos legados principais de Roma foi a construción de obras públicas, construcións urbanas para satisfacer as necesidades dos habitantes das cidades. As máis importantes foron: as murallas de Lugo, acuedutos como o de Segovia, pontes como o de Alcántara, arcos conmemorativos, templos como o de Diana en Mérida e anfiteatros como o de Mérida.

3. Os musulmáns na Península Ibérica (etapas políticas e realidade socioeconómica)

Na súa expansión cara a Occidente, os musulmáns chegaron á Península Ibérica a comezos do século VIII. A partir deste momento, estableceuse un dominio musulmán que perdurou ata finais do século XV. Ao longo deses máis de sete séculos, a situación de al-Ándalus foi evolucionando en todos os sentidos.

A conquista

A comezos do século VIII, o reino visigodo desapareceu despois da derrota sufrida polo seu último monarca, Rodrigo, na batalla de Guadalete (711) ante os musulmáns. En apenas tres anos, todo o territorio da Hispania visigoda, coa única excepción das zonas montañosas do Cantábrico e dos Pireneos, foi controlado polos musulmáns.

Etapas do dominio musulmán en al-Ándalus

O emirato (711-929)

Nun primeiro momento, al-Ándalus, termo que aludía á provincia hispana do islam, estaba gobernada por un emir dependente dos califas, que nesta época pertencían á dinastía Omeya (711-756), cuxa sede estaba en Damasco.

A mediados do século VIII, tras a eliminación dos Omeyas pola revolución abbásida, un membro da familia derrotada, Abderramán I, estableceuse en al-Ándalus, inaugurando unha nova etapa, a do emirato independente (756-929). Rompeu así a súa dependencia política con respecto aos califas, agora abbásidas, que trasladaran a capital a Baghdad, aínda que aceptaban a autoridade relixiosa destes.

A época dourada de al-Ándalus: o califato de Córdoba (929-1031)

No ano 929, o emir Abderramán III decidiu proclamarse califa, o que significaba que asumía a máis alta dirección, tanto nas cuestións seculares como nas espirituais, á vez que rompía definitivamente con Baghdad (a sede do goberno dos abbásidas).

Nas últimas décadas do século X, o poder cordobés estivo en mans de al-Mansur (Almanzor), que lanzou numerosas campañas militares (razzias) contra os cristiáns do norte (Barcelona, Santiago de Compostela, León). A raíz da súa morte no ano 1002, o califato entrou nun período de disgregación, ata a súa desaparición final (1031).

Reinos de taifas e imperios norteafricanos (almorávides e almohades)

Froito das guerras civís e dos bandos, al-Ándalus rematou dividido nun mosaico de pequenos reinos, as chamadas taifas. Unha vez rota a súa unidade, estivo á mercé dos cristiáns do norte. Así se explica que, desde mediados do século XI, comezase a expansión cristiá cara ao sur. A finais do século XI os almorávides, un pobo orixinario do norte de África, foron chamados polos musulmáns hispanos e frearon o avance dos cristiáns. A crise do imperio almorávide trouxo un novo período de taifas (esta vez máis curto).

Uns anos máis tarde o territorio de al-Ándalus foi reunificado, nesta ocasión polos almohades (outro pobo do norte de África), finalmente derrotados na batalla de Navas de Tolosa (1212) polos cristiáns.

Co avance cristián na segunda metade do século XIII, só quedou o reino nasrí de Granada, que se mantivo ata que foi conquistado polos Reis Católicos en 1492.

Economía e sociedade

Economía. Al-Ándalus aportou importantes avances na agricultura, como o impulso que deu ao regadío, no que se empregaban técnicas hidráulicas moi desenvolvidas. Ademais, os musulmáns difundiron cultivos como as froitas agres, o arroz, o algodón ou o azafrán. Cultivaron tamén cereais, oliveira, viñedo e cana de azucre, sen esquecer diversas especies de plantas medicinais.

Polo que se refire á actividade artesanal, alcanzou niveis notables. Foi moi notable e apreciada a produción téxtil, sector no que destacou a seda nasrí, e tamén a fabricación de papel, a cerámica e o traballo do coiro e dos metais preciosos, xunto coa metalurxia e o ferro.

O comercio tiña grande importancia e tiña lugar nos zocos das cidades. En canto ao comercio exterior, os musulmáns de al-Ándalus comercializaron produtos con todo o mundo islámico e coa Europa cristiá; tamén se aventuraron cara ao centro de África, de onde traían ouro e escravos. A moeda, cuxa cuñaxe era monopolio do Estado, podía ser de ouro (dinar) ou de prata (dirhem).

Sociedade. A medida que se foi afianzando o poder político en al-Ándalus, a sociedade foise islamizando e arabizando. A poboación autóctona foi adoptando progresivamente a relixión islámica. Os non musulmáns, mozárabes e xudeus, gozaban de liberdade de culto, pero tiñan a obriga de pagar certos tributos.

Os árabes foron o grupo dominante, a pesar de ser minoría. Acapararon os postos máis influentes da actividade económica e política. Os bérberes eran o grupo maioritario entre os ocupantes, e mantiveron unha actitude de descontento por mor da súa marxinación con respecto á repartición de terras e do botín.

Entradas relacionadas: