Liberalismo, Carlismo e Moderados na Espanha Isabelina
Mantemento do Carlismo e Tradicionalismo
O Tradicionalismo é unha corrente ideolóxica heteroxénea, ultraconservadora e antiliberal, na que se engloban todos aqueles que defenden a permanencia dos valores políticos, sociais e relixiosos tradicionais. Defenden a existencia dunha monarquía patriarcal. O grupo principal estivo constituído polos carlistas, os cales non renunciaron ás súas pretensións e tentaron conseguir o trono de España.
División do liberalismo: Moderados, Progresistas e Demócratas
As diferenzas xiraron arredor de cinco aspectos: soberanía do poder, separación e exercicio dese poder, réxime de dereitos e liberdades, cuestión relixiosa e a forma de organización territorial do Estado. Dúas tendencias no liberalismo son o liberalismo doutrinario e o democrático. Distínguense tres grandes familias políticas liberais: moderados, progresistas e demócratas.
Estes partidos eran unha agrupación de personalidades ao servizo dalgún notable e constituían correntes de opinión vinculadas por relacións persoais ou por intereses económicos. A enorme restrición do dereito ao voto e a falta de tradición parlamentaria desvinculaban á inmensa maioría da poboación da política de partidos.
Os dous grandes partidos da época isabelina foron os moderados e os progresistas. Representaban as dúas grandes correntes do liberalismo da primeira metade do século XIX e eran a expresión da defensa dun sistema monárquico constitucionalista personificado pola monarquía de Isabel II.
Os moderados foron os que máis tempo detentaron o poder e contaron coa predilección dos distintos monarcas españois, así como co apoio dos notables e das clases altas. Foron defensores da exclusión das masas da política, impoñendo un restritivo sistema electoral (sufraxio censitario). Defenderon o principio da soberanía compartida entre as Cortes e a Coroa e amosáronse partidarios do control da vida municipal polo goberno central, e de limitar os dereitos individuais, especialmente os colectivos, como as liberdades de prensa, opinión, reunión e asociación.
Os progresistas seguiron unha liña ambigua. Procedentes dos exaltados das Cortes de Cádiz e do Trienio Liberal, na segunda metade da década de 1830 moderaron as súas reivindicacións (liberdade de prensa, de opinión, de relixión), pero mantiñan o principio de sufraxio censitario, aínda que eran partidarios de ampliar o corpo electoral. A pesar do seu propósito de gobernar, sempre tropezaron co desexo electoral dos monarcas e dos moderados de excluílos, o que lles obrigaba a empregar a conspiración e a violencia como medio para alcanzar os seus obxectivos.
Os demócratas xurdiron como grupo organizado na década de 1840. Defenderon en toda a súa plenitude as propostas do liberalismo democrático. Constituíron unha minoría radical, a súa vez dividida entre os partidarios da monarquía e os partidarios da república. Defendían xa o sufraxio universal e a ampliación das liberdades públicas.
En 1854 aparece un novo partido baixo o lema «Unión Liberal», que naceu como unha escisión dos moderados e que atraeu ao seu seo aos grupos máis conservadores do progresismo. Pretendían constituírse como unha opción de centro entre os dous partidos clásicos.
O réxime progresista de 1837
En 1836 o triunfo dos motíns populares e o pronunciamento das tropas permitiron o acceso ao Goberno dos progresistas, que restauraron a vixencia da Constitución de 1812 e convocaron as Cortes. Elaboraron unha nova Constitución e con ela gobernaron tanto os moderados baixo a rexencia constitucional de María Cristina como os progresistas na rexencia de Espartero.
Esta Constitución rompía tanto co absolutismo como co liberalismo de 1812 e estableceu: a soberanía compartida, o reforzamento das prerrogativas reais, as Cortes bicamerais, a elección popular dos concellos, dereitos e liberdades individuais, certa tolerancia relixiosa e o mantemento da milicia nacional.
Segunda fase da rexencia de Mª Cristina de Borbón (1836-1840)
Nos seus inicios gobernaron os progresistas, pero a predilección da raíña rexente polos moderados fixo que fosen desprazados do poder por estes. O apoio decidido da rexente á política moderada provocou o enfrontamento directo dos progresistas coa Coroa. Un amplo movemento insurreccional alzouse en numerosas zonas do país e Mª Cristina, antes de apoiar a un goberno progresista, renunciou á rexencia e marchou a Francia.
A rexencia de Espartero
Primeiro foi de maneira provisional (1840) e logo definitivamente tras a confirmación polas Cortes (1841). O seu autoritarismo provocou a oposición e o descontento tanto dos moderados e de diversas fraccións dos progresistas como das masas populares. En 1842 aprobou un arancel que abría o mercado español aos tecidos de algodón ingleses, ameazando deste xeito a industria catalá. A medida provocou en Barcelona un levantamento no que estiveron involucradas a burguesía pero tamén as clases populares, que vían perigar os seus postos de traballo.
Os moderados aproveitaron para protagonizar unha serie de conspiracións encabezadas polos xenerais Narváez e O'Donnell, que provocaron a dimisión de Espartero. En 1843 abandonou a rexencia e marchou exiliado a Inglaterra; as Cortes adiantaron a maioría de idade de Isabel II e proclamárona raíña aos 13 anos.
O réxime moderado de 1845
As novas Cortes (1844), encabezadas por Narváez, sentaron as bases do novo Estado moderado e organizaron as súas principais institucións. O réxime asentouse sobre o predominio social, económico e político da burguesía terratenente. O 23 de maio de 1845 promulgábase unha nova constitución que recolle as ideas básicas do moderantismo: soberanía compartida entre os reis e as Cortes, supremacía política da Coroa, participación política dos cidadáns moi limitada, restrición das liberdades individuais e confesionalidade.
A década moderada (1844-1854)
Os gobernos moderados continuaron modificando o sistema político de acordo cos seus intereses e os das clases acomodadas da sociedade (alta burguesía e aristocracia), da seguinte maneira: crearon a Garda Civil, elaboraron unha nova Lei de Concellos, unha Lei electoral e unha reforma tributaria.
No ano 1851 asinouse un Concordato coa Santa Sé, no que se establecía a suspensión da venda dos bens eclesiásticos desamortizados, o retorno dos non vendidos e o financiamento público do culto e do clero. A postura oficial da xerarquía da Igrexa católica foi a de apoiar o trono de Isabel II. Outra serie de medidas foron a regulación do sistema de instrución pública e a adopción dun único sistema de pesos e medidas: o sistema métrico decimal.
No caso de Galicia, o pronunciamento progresista iniciouse en Lugo en 1846, encabezado por Miguel Solís; en Santiago establecese unha Xunta Superior a cargo dos revolucionarios, da que foi secretario Antolín Faraldo. A falta de apoio no resto de España e a imposibilidade de contar coa Coruña facilitou a represión do Goberno: as tropas sublevadas foron derrotadas e Solís e once oficiais foron fusilados en Carral. Son os Mártires de Carral. O levantamento de 1846 tivo unha especial significación para a historia de Galicia, pois nel, xunto ás peticións progresistas, aparecen os esbozos dunha reivindicación específicamente galega.
En Cataluña, entre 1846 e 1849 desenvolveuse a guerra dos matiners ou segunda guerra carlista. Foi protagonizada por campesiños que protestaban pola crise agraria, os impostos e o reclutamento do exército. Os protagonistas non conseguiron os seus obxectivos e a represión foi moi dura.
O bienio progresista (1854-1856)
Os progresistas e os moderados descontentos protagonizaron un pronunciamento militar coñecido como a Vicalvarada, encabezado polo xeneral O'Donnell e cun programa, o Manifesto de Manzanares, no que se recolle a aspiración de reformar o sistema vixente. Os progresistas protagonizaron numerosos motíns e revoltas nas cidades. A raíña, sen apoios, nomeou a Espartero xefe de goberno e O'Donnell foi nomeado ministro de Guerra.
As dúas liñas de acción máis importantes dos gobernos progresistas foron: a Lei de desamortización xeral, realizada polo ministro Madoz, que poñía en venda os bens propios e comúns dos concellos, das ordes militares e das institucións de beneficencia; e a promulgación da Lei de ferrocarrís de 1855, que sentou as bases para a formación da rede ferroviaria española.
A década moderada-unionista e o fin do reinado (1856-1868)
Entre 1856 e 1866 alternáronse no poder os moderados, presididos fundamentalmente por Narváez, e os membros da Unión Liberal, formación política fundada e dirixida por O'Donnell, na que participaban membros procedentes da esquerda moderada e da dereita progresista, así como numerosos militares. As restantes forzas políticas quedaron marxinadas do sistema.
A lexislación e a Constitución moderada de 1845 foron restauradas, lográndose unha estabilidade política só alterada polos conatos revolucionarios dos demócratas e polas revoltas campesiñas no campo andaluz, protagonizadas polos xornaleiros. A política da Unión Liberal propiciou o desenvolvemento dunha serie de empresas militares fóra da Península (política exterior), cun obxectivo moi claro: prestixiar, no exterior, a Monarquía española e lograr, no interior, a exaltación patriótica e a unión de todas as forzas políticas nunha causa común. O balance xeral non foi positivo. Estas accións levaronse a cabo principalmente en Cochinchina e Marrocos, pretextando ter que vingar afrontas cometidas contra a bandeira española e castigar os ataques dos nativos na zona de Ceuta. O'Donnell declarou a guerra ao sultán de Marrocos.
A partir de 1866, as discrepancias entre a raíña e o xefe de goberno O'Donnell rematan cunha fonda crise política e a súa expatriación a Francia. Narváez asume a presidencia e goberna de forma ditatorial, tentando conter a avalancha de forzas opositoras, polo que esta situación permite cualificar estes dous últimos anos de reinado como bienio ultramoderado.
No exilio, progresistas e demócratas acordan unir as súas forzas para derrocar a Isabel (Pacto de Ostende), acordo que sería ratificado en 1867 en Bruxelas (Pacto de Bruxelas). Tras a morte de O'Donnell, os unionistas contactan coas forzas antiborbónicas; unionistas, demócratas e progresistas destronan a Isabel II.