A literatura do exílio galego (1936-1976): poesía, prosa e teatro
Classificado em Espanhol
Escrito em em
português com um tamanho de 3,6 KB
A Guerra Civil e a consecuente ditadura franquista (1936-1975) supuxeron o desmantelamento do sistema literario galego en Galicia. A maior parte da actividade literaria estaba concentrada en México e Bos Aires. Nesta última cidade, os exiliados entraron en contacto cos emigrantes antes da sublevación militar e comezaron a impulsar revistas, libros e reimpresións para intentar manter viva a nosa cultura.
As características da literatura galega do exilio, derivadas do seu contexto e das súas dificultades, serán o compromiso galeguista, a auxe da poesía cívico-social, a mestizaxe e o cosmopolitismo, que engaden elementos temáticos e estilísticos novidosos.
Poesía
Luís Seoane: polifacético (máis coñecido como pintor), en Bos Aires tivo unha actividade variada e intensa: fundou revistas (“Galicia emigrante”), fixo radio, ilustrou libros… Xa en Galicia creou, con Isaac Díaz Pardo, o Laboratorio de Formas de Galicia, orixe da cerámica de Sargadelos. Fardel de exiliado e Na Brétema, Sant’Iago son as súas obras poéticas principais. Escribiu tamén teatro, en galego, aínda que foi publicado en castelán.
Lorenzo Varela: escribiu dous libros de poesía en galego, o máis significativo dos cales é Lonxe. Dúas temáticas dominan o libro: unha mítico-histórica, baseada na Guerra Civil, na que canta aos guerrilleiros antifranquistas, e outra saudosa, en torno á ausencia da Terra no exilio.
Emilio Pita: ten na súa produción unha poesía combativa, cun forte compromiso cívico, e outra próxima á literatura popular e neotrobadoresca. Jacobusland é a súa obra poética máis importante.
Narrativa
Escritas no exilio e case todas na democracia, son obras realistas e cargadas de elementos autobiográficos que tratan o tema da Guerra Civil, así como os dos anos inmediatamente posteriores. O mundo dos fuxidos, da guerrilla antifranquista e da represión é debuxado en textos directos que case sempre empregan un narrador en primeira persoa, outorgándolle deste xeito unha confidencialidade notable á historia.
- Non agardarei por ninguén e Era tempo de apandar, de Ramón de Valenzuela.
- O silencio redimido, de Silvio Santiago.
- O siñor Afranio ou como me rispei das gadoupas da morte, de Antón Alonso Ríos.
Pero tamén se publican obras clave da nosa literatura, como A esmorga, de Blanco Amor, ou Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, un dos libros máis lidos de toda a narrativa galega e traducido a múltiples linguas.
Ensaio
Ao longo da posguerra, moitos autores continuaron impulsando desde o exilio americano o xénero ensaístico, especialmente en colaboración con xornais e revistas como Castelao (Sempre en Galiza), Antón Alonso Ríos, Xosé Núñez e Xerardo Álvarez Gallego.
Teatro
Manuel Varela Buxán foi un dos principais animadores do teatro galego na Arxentina. Ademais de autor teatral, foi tamén director e actor. As súas obras (O ferreiro de Satán e Taberna sen dono) son de corte rural-costumista e humorístico, aínda que non están exentas de crítica social. A súa compañía “Maruxa Villanueva” foi a encargada de representar Os vellos non deben de namorarse.
Tamén en Bos Aires, Blanco Amor dirixiu o Teatro Popular Galego (1957) e escribiu varias pezas que se coñeceron en Galicia, recompiladas en dous volumes: Farsas para títeres e Teatro pra a xente.