A Literatura Medieval: Lírica e Prosa

Classificado em Espanhol

Escrito em em português com um tamanho de 3,13 KB

A Literatura Medieval

A lírica relixiosa: As Cantigas de Santa Maria

A lírica relixiosa está representada polas Cantigas de Santa Maria, un total de 427 cantigas en honra da Virxe.

Estas cantigas foron compostas na corte toledana de Afonso X o Sabio, por un grupo de trovadores, músicos e tradutores dirixidos polo rei.

As Cantigas de Santa Maria consérvanse en 4 códices, que se atopan na Biblioteca Nacional de Madrid, na do Escorial e na Biblioteca Nacional de Florencia. Ilustrados con fermosas miniaturas e acompañados con notación musical, constitúen un conxunto artístico de grande importancia.

Clasificación

Segundo a súa forma e estrutura, diferenciamos dous tipos de cantigas:

  • Cantigas narrativas: contan milagres realizados pola Virxe. Comezan cun refrán que se vai repetindo despois de cada estrofa.
  • Cantigas líricas: son composicións en forma de oracións, loanzas e cancións en honra de María. Entre todas elas destacan as "Cantigas de loor", que se intercalan entre cada nove cantigas narrativas, ocupando os números 1, 10, 20..., e son unha especie de cantigas de amor ao xeito relixioso, nas que a Virxe é a dona a quen eloxia e ama o rei trovador.

Temática

En canto ao contido, os temas e as situacións son moi variados. Algunhas cantigas relatan milagres transcendentes, mentres que noutras se manifestan situacións verdadeiramente sobrenaturais.

Nas cantigas aparecen representadas todas as clases sociais, polo que constitúen un documento realista da sociedade da época.

O argumento da maioría dos milagres non é inventado polos autores, senón que, como era habitual na Idade Media, son recreacións de fontes diversas: coleccións medievais de milagres, lendas e narracións latinas, relatos orais, acontecementos persoais, etc.

A prosa medieval

A prosa medieval tivo menor cultivo que a lírica, pero posuímos textos dos séculos XIII a XV de certa relevancia. Podemos distinguir entre:

  • Prosa de ficción ou narrativa: está constituída por versións ao galego de obras que circulaban por Europa e que acadaran grande éxito.
  • Prosa non narrativa: obras de carácter histórico, xurídico, didáctico, etc.

Prosa de ficción

Destacan as seguintes obras:

  • Ciclo clásico: relatos sobre a guerra e destrución de Troia e sobre os personaxes que participaron nela.
  • Ciclo artúrico: relatos que narran as aventuras do rei Artur e dos Cabaleiros da Táboa Redonda.
  • Milagres de Santiago: versión ao galego dunha obra latina, unha compilación de textos xacobeos, realizada baixo o papado de Calixto II, de quen toma nome.

Prosa non narrativa

Diferenciamos:

  • Prosa historiográfica: conxunto de narracións históricas.
  • Prosa xurídica e didáctica: ordenanzas municipais, tratados sobre enfermidades e coidados de animais, regulamentos dos gremios, etc.

Entradas relacionadas: