A Poesía Galega dos Anos 80 e 90

Classificado em Espanhol

Escrito em em português com um tamanho de 6,89 KB

Poesía Galega: Anos 80, 90 e Actualidade

Os Anos 80: Unha Apertura sen Precedentes

Neste período asistimos a unha apertura, sen precedentes, na historia da literatura galega, tanto pola diversidade temática como pola aparición de moitos poetas e tendencias. Os profundos cambios sociopolíticos derivados do fin da ditadura teñen a súa influencia no plano creativo.

Tres obras fundamentais abren unha nova etapa poética, paralela á transición democrática (1976 a 1980): en 1976 Con pólvora e magnolias, de Ferrín; Mesteres, de Arcadio Casanova; e, en 1980, Herba de aquí e de acolá, de Álvaro Cunqueiro.

Estas obras representan a ruptura coa poesía de compromiso e coa temática socialrealista. A partir de agora búscase unha poesía estética e universal que entronque coa tradición poética galega (particularmente coa poesía medieval, celta e vangardista), e que ao mesmo tempo sexa europea.

Temas e Autores dos Anos 80

Os autores deste período reúnense en colectivos coa finalidade de ser máis efectivos. Difunden a poesía nunha serie de publicacións periódicas, en revistas literarias e outros medios de divulgación cultural. Os colectivos de poetas máis importantes son:

Colectivo Rompente

Xurdiu en Vigo en 1975, formado, entre outros, por Antón Reixa, Manolo Romón e Alfonso Pexegueiro. Caracterizouse polo seu atrevemento, transgresión e propostas innovadoras. Un exemplo é a obra Silabario da turbina, que incorpora técnicas das artes plásticas como a colaxe.

Colectivo Cravo Fondo

Creouse en 1976 en Santiago e reúne a poetas, case todos lugueses. Destacan Xesús Rábade, Ramiro Fonte e Helena Villar. Publicaron só un libro de poemas colectivo co mesmo nome, e tamén un manifesto programático. Negan o socialrealismo e defínense nacionalistas e antielitistas.

Colectivo Alén

Grupo de poetas unidos por coincidir como estudantes en Santiago e compartir as mesmas preocupacións literarias e xuvenís. Xosé Ramón Pena e Miguel Mato son algúns dos seus compoñentes.

Colectivo de Amor e Desamor

Grupo vinculado a A Coruña, que publica dous libros con ese título. Lino Braxe, Manuel Rivas e Fernán Vello son algúns dos poetas destacados.

Como consecuencia da ruptura co socialrealismo, prodúcese un distanciamento entre o poeta e a sociedade. Este grupo de escritores presenta as seguintes liñas temáticas:

  1. Culturalismo: presenza nos textos de referencias culturais. Esta tendencia caracterízase pola intertextualidade. Nas súas composicións toman elementos da literatura portuguesa, española, hispanoamericana e dos clásicos latinos. Destacan Manuel Forcadela, con poesía dominada polas referencias a autores clásicos; Ramiro Fonte, que reflexiona sobre o paso do tempo e a nostalxia, evocando espazos íntimos con abundancia de símbolos; Fernán Vello, caracterizado pola busca da beleza na expresión e polo ritmo musical do verso; e Xosé Mª Álvarez Cacheiro, que combina a liña intimista e a social. Outros autores son Baixeiras, Lino Braxe, Román Raña e os irmáns Valcárcel.
  2. Poesía do cotián: temas intimistas e consideracións autobiográficas, sen abandonar certa reflexión social cotiá. Linguaxe directa e menos formalista. Destacan Manuel Rivas e Antón Dobao.
  3. A experimentación: buscan a experimentación mediante novas técnicas como a colaxe textual. Destrúen o concepto tradicional de estrofa, para crear versos sen rima, con rupturas sintácticas, caligramas, etc. Autores destacados son Manuel Vilanova, Alfonso Pexegueiro e Manuel Sande (enraizados nos 70 no Grupo Rompente).
  4. A poesía da muller: nesta década as mulleres incorpóranse de forma definitiva ao panorama da lírica en galego. A súa poesía distínguese polo rexeitamento do androcentrismo e por un intimismo claramente feminino: o amor, o paso do tempo, a nostalxia, a morte e a soidade. Destacan Ana Romaní, Xela Arias e Pilar Pallarés.
  5. Camiños sinuosos: grupo heteroxéneo de obras particulares e dispares nas que se mesturan as tendencias expostas anteriormente. Destacan Lois Pereiro e Cesáreo Sánchez.

Temas e Autores dos Anos 90

Nesta década a produción poética supón o 40% dos libros publicados en Galicia. Os autores novos superan os cen, e incluso poetas doutras xeracións continúan escribindo. Agrúpanse en colectivos como Serán Vencello (Santiago), Dolmen (Ourense), Batallón Literario da Costa da Morte, Ronseltz, entre outros.

As correntes poéticas emerxentes nesta década rompen coa beleza formal e a corrección da linguaxe. Inclínanse por unha forma de compoñer transgresora, utilizan unha linguaxe máis familiar e coloquial e optan pola fragmentación estrutural e sintáctica do poema. Nas composicións hai diversas voces, formas galegas non normativas, así como unha forma ilóxica de falar.

Liñas Temáticas

É posible agrupar os poetas desta década tendo en conta a súa postura con respecto á linguaxe, a ferramenta que utilizan para crear a súa obra. Distínguense tres grupos:

  1. O discurso natural: escriben unha poesía intelixible e emotiva que parte da experiencia cotiá. Utilizan unha linguaxe directa e clara co obxectivo de atraer ao lector e implicalo no poema. Destacan Ana Romaní e outros máis novos como Rafa Villar.
  2. O discurso libertario: a linguaxe convértese nun instrumento de poder e de dominio que se opón aos modelos establecidos. Convértese nunha forza emancipadora (liberdade) e nunha forma de resistencia. Inclúense neste grupo Lupe Gómez, Olga Novo e o colectivo Ronseltz, poetas que realizan unha revisión dos modelos dominantes na literatura galega e apostan polo humor e a parodia. Yolanda Castaño é a autora máis destacada.
  3. O discurso hermético: alude á dificultade para entender este tipo de poesía. Emprega unha linguaxe complicada, ausencia de orde lóxica na estrutura das composicións, desvío da norma lingüística e polisemia. Destacan Chus Pato e Xavier Cordal.

Poetas e Tendencias Actuais

Incluímos a todos os poetas actuais. As tendencias son moi variadas e dispares, de aí que sexa difícil facer unha clasificación. Cabe sinalar que a maioría deles explora o campo da mestura de xéneros, usa unha linguaxe directa e coloquial e aborda temas cotiáns e sociais con novas sensibilidades e enfoques: insubmisión, ecoloxismo, pacifismo, feminismo, entre outros.

Salienta o labor destes poetas por achegar este xénero á xente, tanto a través das novas tecnoloxías (blogs, páxinas web) como con recitais, para un contacto máis persoal e directo entre o poeta e o público. Destacan Eduardo Estévez, Carlos Negro, Sechu Sende, entre moitos outros.

Entradas relacionadas: