Poesía Galega: Panorama dos Anos 70 ao Século XXI
Classificado em Língua e literatura
Escrito em em
português com um tamanho de 6,95 KB
Introdución: Panorama da poesía de finais do século XX
Anos 70
O grupo de poetas denominado os Novísimos (Darío Xohán Cabana, Lois Diéguez...) continúa cultivando unha poesía de denuncia e reivindicativa. A partir de Con pólvora e magnolias (1976), de Xosé Luís Méndez Ferrín, comézanse a explorar novos camiños.
Anos 80
Á par dos/das autores/as de promocións anteriores (Ferrín, Manuel María, Bernardino Graña...), vanse consolidar dúas tendencias predominantes: a culturalista (Álvarez Cáccamo, Fernán Vello...) e a experimental (A. Pexegueiro, Antón Reixa...).
Anos 90
Prodúcese unha reacción contra o excesivo rigor formal da maioría dos autores da década dos 80, cara a unha expresión poética máis natural e máis baseada na realidade cotiá (Chus Pato, Olga Novo, Rafa Villar, Yolanda Castaño...).
A Poesía a partir de 1975
A partir de 1975 comeza a producirse un cambio de rumbo estético que se caracterizou polo abandono do socialrealismo e que se consolidou ao longo da primeira metade da década dos 80. A publicación de Con pólvora e magnolias (1976) de Xosé Luís Méndez Ferrín supuxo un revulsivo para a poesía galega ao propoñer, sen abandonar as reivindicacións sociais e políticas, un enfoque culturalista e unha profunda renovación formal.
Ao abeiro do anterior foron xurdindo varios colectivos poéticos onde comezaron novas voces poéticas:
- Alén (Santiago de Compostela, 1977), formado por Miguel Mato, Francisco Salinas e Xosé Ramón Pena.
- Loia (Madrid, 1977), formado por Lois Pereiro, Vicente Araguas e Manuel Rivas.
- Cravo Fondo (Santiago de Compostela, 1978), formado por Ramiro Fonte, Xesús Rábade, Helena Villar ou os irmáns López Valcárcel.
- Grupo de comunicación poética Rompente (Vigo, 1978), formado por Antón Reixa, Alberte Avendaño ou Manuel Romón.
A Xeración dos 80: tendencias predominantes
1. Primeira tendencia
Grande elaboración formal, culturalismo, intertextualidade, temática culta, reacción contra a estética socialrealista, intimismo, reflexión introspectiva...
2. Segunda tendencia
Afán experimentador, temática do cotián, espírito transgresor, poesía visual, emprego de caligramas, imaxes, collages, experiencias multidisciplinares vinculadas á música, ao vídeo e ás artes plásticas...
Autores da primeira tendencia
- X. Mª Álvarez Cáccamo (1950): Praia das furnas (1983), Calendario perpetuo (1997).
- Manuel Forcadela (1958): Ferida acústica de río (1981), O regreso das ninfas (1985).
- Ramiro Fonte (1957-2008): Designium (1984), Pasa un segredo (1988).
- Miguel Anxo Fernán Vello (1958): Do desexo en corpo e sombra (1983), Memorial de brancura (1984).
Autores da segunda tendencia
- Pilar Pallarés (1957): Entre lusco e fusco (1980), Sétima soidade (1984).
- Manuel Rivas (1957): Libro do entroido (1979), Balada nas praias do oeste (1985).
- Antón Reixa (1957): As ladillas do travestí (1979), Historia do rock and roll (1985).
A finais da década dos 80, a reiteración de certos modelos estéticos e a priorización por parte das editoriais da narrativa fronte á poesía fixeron que esta entrase nun certo retroceso.
Poesía dos anos 90: características
- O xurdimento de novas canles editoriais: ademais do labor hexemónico de Espiral Maior (1991), aparecen outras coleccións poéticas (Ablativo Absoluto, Tambo...) e proxectos colectivos sen ánimo de lucro (Edicións do Dragón (1989-1996), Letras de Cal (1996-2001)), que reactivan o panorama poético.
- A proliferación de certames poéticos: Espiral Maior, Bouza Brei, Martín Códax, Lorenzo Baleirón...
- Importante incorporación da poesía á internet, coa aparición de numerosas páxinas web e blogues.
- Proliferación de novos grupos poéticos (Ronseltz, Batallón Literario da Costa da Morte, Dolmen...) que promoven unha reaproximación da poesía ao público.
Xorde agora un amplísimo grupo de poetas que, reunidos baixo o epígrafe da Xeración dos 90, caracterízanse pola pluralidade estética.
Autores que comezan a publicar neste período
- Fran Alonso (1963): Persianas, pedramol e outros nervios (1992).
- Miro Villar (1965): Ausencias pretéritas (1992).
- Rafa Villar (1968): Casa ou sombra (1997).
- Carlos Negro (1970): As laranxas de Alí Babá (1998).
- Estevo Creus (1971): Poemas da cidade oculta (1996).
- Modesto Fraga (1974): Do amor salgado (1997).
- Olga Novo (1975): A teta sobre o sol (1996).
- Yolanda Castaño (1977): Elevar as pálpebras (1995).
Malia detectarse unha grande pluralidade estética, existen certas características comúns:
- Un uso esmerado da linguaxe, frecuentemente máis directa e coloquial.
- Simplificación formal e conceptual, fuxindo da carga culturalista da xeración anterior.
- Predominio do subxectivismo e do ton cotián, buscando achegarse ao lector.
- Marcada preferencia polo versolibrismo e presenza nalgúns autores dun claro afán experimental.
- Presenza actualizada de temática social alternativa (feminismo, ecoloxismo, antimilitarismo...).
- Relectura da tradición mítica e literaria en clave feminina.
A poesía a comezos do século XXI: poetas e tendencias actuais máis relevantes
A poesía galega de comezos de século continúa coas liñas xerais iniciadas pola Xeración dos 90 e está marcada pola consolidación das voces femininas na poesía galega.
Autoras que se consolidan neste momento
- María do Cebreiro (1976): Nós as inadaptadas (2002).
- Verónica Martínez Delgado (1976): Desterrada do meu corpo (2001).
- Enma Pedreira (1979), promotora do Colectivo Humilladoiro e autora de Libro das mentiras (2012).
- Lucía Novas (1979): Epiderme de estío (2001).
- Olalla Cociña (1979): As cervicais da memoria (2004).
- Xiana Arias (1983): Ortigas (2007).
- Berta Dávila (1987): Corpo baleiro (2007).