A recuperación sociocultural e o protoestándar do galego

Outras línguas estrangeiras3,04 KB

Rexurdimento sociocultural nos anos sesenta e setenta

(O Galo, en Santiago; O Facho, na Coruña; Asociación Cultural, en Vigo; Amigos da Cultura, en Pontevedra; Abrente, en Ribadavia; Auriense, en Ourense; Sementeira, en Viveiro...). Desprégase unha intensa e diversificada actividade en galego: representacións teatrais, conferencias, recitais, emisións radiofónicas, edicións de xornais e revistas...

Como froito destes movementos, na década dos setenta prodúcese un fenómeno novo para o galego: moitos rapaces e rapazas que tiñan o castelán como lingua primeira aprenderon o galego e comezaron a defendelo e promovelo. Por primeira vez o idioma entrou na prensa e na radio, e tamén na universidade de xeito extraoficial.

As demandas lingüísticas esténdense tamén ás fábricas, sindicatos obreiros e agrarios, asociacións de veciños, etc. Diversos colectivos estudantís, entre os que destacará polo seu nivel de implantación ERGA (Estudantes Revolucionarios Galegos), converterán o galego na lingua habitual das asembleas e dos panfletos estudantís, aínda que continuou case totalmente ausente da práctica docente e da burocracia universitaria.

En paralelo, o movemento da Nova Canción Galega, impulsado polo colectivo de cantautores Voces Ceibes (Bibiano, Benedito, Araguas, Noguerol...), emprega o galego nas súas cancións, non poucas veces baseadas en textos literarios. Seguindo o seu ronsel, aínda que cun enfoque máis comercial, sitúanse artistas como Andrés do Barro, Ana Kiro, Juan Pardo, Pucho Boedo e o seu grupo Los Tamara, etc., que contribúen poderosamente á divulgación e normalización do idioma no ámbito musical nestes anos.

3. Características lingüísticas fundamentais

O galego escrito na posguerra non responde a ningunha norma sistemática dada a ausencia dunha normativa estándar, polo que imos atopar bastante variedade de solucións. Non obstante, si avanza cara a unha maior simpleza formal e cara á procura dunha norma culta, o que fai que, ao estudarmos a historia da normativización do galego, se coñeza este período co nome de protoestándar.

Os autores da editorial Galaxia levan á práctica un criterio simplificador da ortografía, reducindo o uso do apóstrofo e os guións, moderando así mesmo o uso dos hiperenxebrismos propios da preguerra. Isto último, xunto á incorporación de neoloxismos e cultismos, así como o rexeitamento de castelanismos, amosa un intento de depuración léxica.

Na década dos 60, a Universidade de Santiago incorporou de xeito opcional os estudos de lingua e literatura galegas en Filosofía e Letras, sendo o primeiro profesor Ricardo Carballo Calero, quen elaboraría en 1966 a Gramática elemental del gallego común. A Real Academia Galega asumirá a principios dos 70 o labor de codificación do idioma, publicando as primeiras normas minimamente completas e sistemáticas.

Baixar

PDF Word HTML