Recursos Educativos e Opções Metodológicas na Educação Infantil

Classificado em Espanhol

Escrito em em português com um tamanho de 22,52 KB

1. Recursos Educativos e Opcións Metodolóxicas

- Recursos educativos: son aqueles medios que utiliza o educador para axudarse na realización do seu traballo. Os máis importantes son espazo, tempo, materiais e recursos humanos.

- Opcións metodolóxicas: son aqueles recursos técnicos ou pedagóxicos que utiliza un educador para conseguir os obxectivos propostos.

2. Os Recursos Educativos na Programación

Na organización do centro existen varios elementos relacionados coa xestión e distribución dos recursos que afectan á programación. Son:

  • Dispoñibilidade de tempo.
  • Dispoñibilidade do espazo.
  • Dispoñibilidade de materiais.
  • Dispoñibilidade de recursos humanos.

2.1. O espazo

- Para os nenos o espazo non é igual que para unha persoa adulta, a súa capacidade de visión e movemento é diferente; por tanto, debemos intentar interpretar o espazo desde a súa perspectiva para que estea dimensionado á súa realidade.

- Hai que dar aos nenos a maior calidade de vida posible, así as condicións deben ser as adecuadas. O espazo debe estar ventilado, aireado, soleado e cunha temperatura adecuada. Na normativa existen uns requisitos mínimos que hai que cumprir, pero poden ser mellorados.

- O espazo debe responder ás funcións para as que está destinado: xogar, descansar, realizar actividades plásticas, actividades en grupo ou individuais, etc.

A) Espazo arquitectónico

As escolas infantís deben estar ubicadas en locais de uso exclusivo e con acceso independente. Se están ubicadas en centros de traballo, deberán instalarse o máis distante posible do sistema de produción.

Os centros deben dispor de condicións arquitectónicas que posibiliten o acceso e a circulación de nenos con problemas físicos.

Os centros deben posibilitar os desprazamentos sen alterar o funcionamento da actividade da escola.

O educador debe poder controlar en todo momento aos nenos pero preservando a súa intimidade. Para isto son moi útiles as paredes metade panel e metade cristal, de forma que á altura dos nenos non vexan os demais cando están no patio ou no baño, pero o educador sí vea aos nenos en todo momento.

As escolas deben respectar as condicións ambientais: luz, ventilación, temperatura, etc. Deberán dispor de ventás exteriores e a máxima luz natural posible.

B) Espazos pechados

O mobiliario será un elemento que nos axudará moito a delimitar os diferentes espazos.

  • Aulas: deben ser o suficientemente amplas para permitir as actividades en grupo e contar con espazos para realizar actividades individuais. Cada grupo contará coa súa propia aula, cuxas dimensións mínimas, segundo a normativa, son de 2 m² por posto escolar, cun mínimo de 30 m².

A maioría das aulas deben ter as seguintes características:

  • Unha zona de aseo e cambio de roupa, con estanterías, colgadores, etc.
  • Unha zona ampla de actividades, con coxíns, moqueta, etc.
  • Unha zona para descansar.

Na aula de lactantes existirá a seguinte distribución:

  • Zona para a hixiene, con cambiador, armario, caixóns, etc.
  • Unha zona de alimentación.
  • Zona de xogos con moquetas e coxíns.
  • Zona de descanso, con cunas.
  • Lavabos: son moi importantes, xa que os hábitos de hixiene e control de esfínteres deben educarse nestas idades. A normativa di que o centro debe dispor dun aseo por sala, visible desde esta, con dous lavabos e dous inodoros de tamaño adecuado aos pequenos. Deben estar ben ventilados e gardar unha hixiene adecuada.
  • Comedor: pode ser un espazo específico, a aula de usos múltiples ou a propia aula. Pódese usar unha empresa de catering ou ter unha cociña propia, segundo a escola, a dispoñibilidade e os recursos humanos cos que conte.
  • Cociña: a normativa di que debe ser unha sala diferenciada e suficiente para a preparación de alimentos, ou unha cociña. Se a escola conta con servizo de catering, será neste espazo onde se terminen de preparar e distribuír os alimentos. As condicións destes espazos deberán rexerse polas directrices de cociñas e comedores escolares.
  • A sala polivalente: non adoitan ter mobiliario, a excepción dalgunha mesa plegable, xa que se acondicionan segundo a actividade que se realice. A normativa di que deben ser xeralmente dun mínimo de 30 m², aínda que nalgunhas comunidades se marcan 40 m². As actividades que nelas se realicen requiren un maior espazo: talleres de baile, actividades de psicomotricidade, etc. Tamén se pode usar como comedor ou dormitorio.
  • Os espazos de paso: aqueles lugares que non teñen un uso definido e que se usan para chegar a outros. A entrada da escola ou vestíbulo é un lugar de reunión coas familias, onde se expón o traballo dos nenos, polo que debe estar ben coidado e vixiado. Os pasillos tamén forman parte deste espazo e poden utilizarse como ampliación da aula, para realizar xogos motrices, etc.
  • Os espazos para educadores: os educadores deben dispor dun espazo para descansar, cambiarse de roupa, deixar as súas cousas, etc. Para isto pode usarse un armario da aula, aínda que o ideal sería unha sala á parte. Tamén deben dispor dun aseo propio. Na escola habitualmente están os pais, a veces para realizar entrevistas, para o cal se debe contar cun espazo que reúna as condicións adecuadas de intimidade. Tamén será necesaria algunha sala para as tarefas administrativas e para coordinar a actividade docente.

C) Espazos abertos

Todas as escolas infantís deben dispor dun espazo exterior de xogos que deben ter unhas dimensións e condicións mínimas: un parque exterior por cada nove unidades, de uso exclusivo do centro, cunha superficie que, en ningún caso, poderá ser inferior a setenta e cinco metros cadrados. O patio debería incorporar diferentes elementos que se poidan manter en condicións hixiénicas. Especificacións seguintes:

  • Ter un espazo amplo, libre de obxectos, para poder xogar en gran grupo.
  • Dispor, se é posible, dunha zona dura e unha zona axardinada, con espazos ao sol e outros á sombra.
  • Planificar unha distribución ao redor da zona libre, dispoñendo espazos ben definidos como o areal, con area lavada e desinfectada, unha zona de grandes obxectos onde se poida entrar, subir, columpiarse, etc.
  • Dispor dunha fonte ou pequeno lavadeiro, onde, ademais de beber, seguramente no verán se realizará algún taller de auga.
  • Dispor de xoguetes propios das zonas exteriores.
  • Os espazos axardinados tamén se utilizarán para os “experimentos” coas plantas.

2.2. O tempo

Distribución das actividades no tempo

Un primeiro nivel de organización temporal establécese distribuíndo as unidades de programación ou actividades nun período de tempo (trimestre, mes ou semana), por exemplo, nun cronograma.

Distribución das actividades diarias

Nunha escola infantil as rutinas axudan a estruturar e orientar a vida do pequeno. Organízanse no horario.

A organización do tempo en función das opcións metodolóxicas e do tipo de actividades

A organización do tempo está vinculada á opción metodolóxica elixida.

Debe prevalecer o establecemento dos ritmos derivados das rutinas, que son as que realmente marcan os tempos, sobre o que organizar todo o demais.

Inícase a programación coas actividades da vida cotiá, que no caso dos máis pequenos ocupan case todo o tempo. Cando vaian medrando, introdúcense novas actividades de xogo (primeiro libre e logo dirixido), xunto con outras actividades máis específicas.

Factores que condicionan a organización do tempo no centro

  • Os horarios de permanencia no centro infantil: debe dispoñerse dun horario flexible de entrada e saída para que non entorpeza o funcionamento do grupo. Os nenos non deberían estar máis de 6 horas e, como máximo, poden estar oito horas no centro.
  • A combinación de tempos nos espazos pechados e abertos.
  • O tempo de comedor a partir dos 18 meses.
  • A atención individualizada aos país, que supón horas de despacho por parte do educador.
  • O tempo que dedican os educadores ao traballo en grupo para planificar as actividades e avaliar os resultados.

Organización do tempo na aula

Hai que ter en conta:

  • O reparto, ao longo do día, das actividades da vida cotiá e das de xogo.
  • O reparto, ao longo do día, das actividades máis ruidosas e das máis relaxadas.
  • O reparto, ao longo do día, das actividades que requiren máis concentración e das máis lúdicas.
  • O reparto, ao longo do día, das actividades que permiten máis liberdade individual e das que son en grupo e dirixidas.
  • Ter en conta o tempo de preparación e recollida das actividades.

O tempo durante o período de adaptación

É un tempo especial que require un tratamento específico: son os primeiros días que un neno se incorpora ao centro. Interveñen tres elementos: o pequeno, o educador e os pais.

O neno debe adaptarse á presenza doutros e á nova estancia, o educador debe adaptarse aos nenos e os pais deben aceptar a incorporación ao centro.

Cada centro ten distintas formas de traballar este período: uns permiten a presenza dos pais, outros comezan con poucas horas e vanse aumentando, e outros cren que o neno debe permanecer todo o tempo e só no centro.

Neste período os educadores deben:

  • Atender especialmente e estar moi pendentes dos nenos.
  • Conseguir elementos que sexan os que o neno utiliza de forma habitual.
  • Detectar cales son os obxectos que lles distraen e chaman a súa atención, e as actividades que favorecen a confianza e a seguridade.
  • Contar coa axuda doutros educadores.

2.3. O material

Xestionar o material supón comprar aquilo que é necesario para a programación prevista ou repoñer o que se rompe ou estraga, cumprindo as garantías de calidade a partir do orzamento do que se dispón.

O material mobiliario

Serve como recurso para o educador e debe analizarse desde todos os ángulos e reunir unha serie de características de uso:

  • Reunir as condicións de seguridade e hixiene.
  • Estar en boas condicións de mantemento.
  • Ser adecuado ás posibilidades do neno.
  • Ter unha función definida polos educadores.

O material de xogo

Debe cumprir a función básica de apoiar o desenvolvemento evolutivo do pequeno. Segundo o centro, este material ten máis ou menos importancia, pero en todos os casos debe cumprir unhas características:

  • Ser duradeiro e de calidade.
  • Ser variado.
  • Poder conservarse en condicións hixiénicas.
  • Ter a posibilidade de renovarse.
  • Ter un lugar específico onde os nenos o poidan gardar.
  • Que todos os nenos se poidan beneficiar del.

Material do entorno e da natureza

Existen materiais do entorno ou reciclados que se poden converter en xoguetes, como caixas que poden servir de materiais de construción, cartón que se pode converter en animais máxicos, etc.

A natureza ofrece un conxunto de elementos para a súa posible utilización como xogos: pedras, cunchas, etc., que se poden usar para cheirar, decorar, etc.

Outros elementos útiles son as roupas usadas para o recuncho dos disfraces.

Utensilios, soportes e materiais fungibles

Chámanse así porque se gastan, como o pegamento, a pasta branca, os papeis, etc.

Os elementos de soporte para os traballos son moi variados: pode ser desde unha corda con pinzas para colgar os papeis, ata paneis de cortiza, etc.

Non hai que esquecer que o propio edificio tamén pode cumprir a función de soporte: paredes, ventás, etc.

2.4. Recursos humanos

Cada centro dispón dun equipo de profesionais formado polo equipo de educadores, o persoal especialista para a intervención en algunhas áreas, o persoal non docente e os monitores de apoio.

É moi importante saber formar a estas persoas para o trato cos nenos e na liña do proxecto educativo que teña o centro.

A contratación e formación de recursos humanos é clave para un bo resultado educativo, igual que saber crear un bo equipo.

3. Opcións Metodolóxicas

Son os recursos técnicos ou pedagóxicos que se utilizan para conseguir os obxectivos plantexados. Existen diferentes técnicas, que se deben poñer en práctica en función de:

  • A idade dos nenos.
  • O coñecemento e a preparación que teña o educador sobre a técnica.
  • A dispoñibilidade e as posibilidades dos recursos cos que se conta.

3.1. Os centros de interese

Son un método pedagóxico que consiste en organizar os contidos sobre a base dun eixe central elixido en función das necesidades e dos intereses naturais dos nenos. Téñense que programar relacionados coas áreas de contidos.

Como organizalos?

Para organizar un centro de interese debemos empezar fixando a finalidade que perseguimos. Hai que ter en conta:

  • A motivación dos pequenos: un aspecto esencial para o éxito do centro de interese é que realmente interese aos nenos. É importante para a motivación dos pequenos a organización da aula; ambientala en relación co centro de interese forma parte da propia técnica de aprendizaxe.
  • O espazo e o tempo nos centros de interese: os nenos necesitan espazos recoñecibles e amplos. As actividades do centro de interese deben partir e impregnar a aula, pero tamén exceder os límites desta e usar outros espazos como o pasillo, o patio, etc. O tempo destinado a cada centro de interese dependerá da amplitude que lle dea o educador e poderá condicionarse á motivación que mostren os pequenos.
  • Preparación das actividades: mediante as actividades débense traballar os contidos. Xeralmente, nun centro de interese tráballanse os contidos a través de actividades de observación, asociación e expresión ou experimentación. As actividades non poden ser nin longas nin exhaustivas e deben incorporarse aos ritmos habituais das rutinas ou actividades cotiás, deixando sempre que estas sexan prioritarias sobre as demais.
  • O desenvolvemento das actividades: é fundamental que se poida repetir unha mesma acción varias veces, xa que a repetición xoga un papel importante no desenvolvemento madurativo infantil. Aínda que unha acción se realice correctamente, non se debe dar por superada, senón que os nenos deben seguir experimentando con ela. As actividades deben ter tres fases: observación, experimentación e expresión.
  • Idade: os centros de interese pódense traballar a partir dos 18 meses.

3.2. Os rincóns

Que son?

Son un recurso pedagóxico que consiste na creación de espazos de xogo organizados na aula, onde se agrupan materiais de acordo cos intereses das idades infantís. Fundaméntanse no concepto de xogo simbólico: simbolízase neles a realidade exterior, creando un escenario con elementos reais ao alcance dos pequenos.

Como organizalos?

  • O montaxe dos rincóns: é interesante ter varios rincóns montados de forma simultánea, de forma que os nenos poidan distribuírse neles como queiran, sempre que non se produzan aglomeracións en ningún rincón.
  • O espazo e o tempo nos rincóns: os pequenos teñen unha gran capacidade de imaxinar, polo que non se debe ser demasiado ambicioso, senón que se debe analizar o espazo dispoñible e atopar o lugar máis adecuado para cada rincón. Os rincóns deben estar montados durante un período longo (xeralmente un trimestre).
  • Obxectos e materiais: a cantidade de obxectos non ten que ser excesiva, pero sí suficiente para que todos os nenos poidan xogar; pódese comezar con uns obxectos e ir engadindo outros novos. Procurarase que os obxectos sexan reais e teñan un lugar fixo, para que os nenos saiban onde atopalos. Unha boa estratexia é a achega de material por parte dos nenos, para que aprendan a compartir “as súas cousas”. Os materiais que se usan encerran os obxectivos didácticos: o educador debe ter moi claro que pretende con aqueles materiais que deposita no rincón e analizar despois se serven para cumprir os obxectivos ou se debe substituílos.
  • Presentación e xogo nos rincóns: a presentación dos rincóns por parte do educador será simple, para propiciar a curiosidade e a exploración. Pódense usar para estimular a linguaxe. Xeralmente, o xogo nos rincóns debe ser libre, pero pode ser dirixido nalgún momento para estimular a participación dos nenos.
  • Idade: esta técnica pode usarse a partir dos dous anos, xa que é cando aparece o xogo simbólico e a representación da realidade.

3.3. Os talleres

Que son?

Son un recurso pedagóxico que consiste na posta en práctica, durante un período limitado de tempo, dunha técnica ou temática concreta, que permita experimentar, explorar e buscar solucións. Teñen parecido cos rincóns, pero varían en que se utilizan espazos máis específicos e en que é unha técnica moi dirixida.

Son un soporte para a programación; teñen a utilidade de focalizar máis algún aspecto concreto que interese traballar.

Como organizalos?

  • Os recursos necesarios: os talleres son actividades moi concretas que requiren unha preparación especial de materiais e unha dedicación máis individualizada por parte dos educadores. Debe contarse coa axuda doutro educador. O educador debe exercer un papel motivador, incentivando aos nenos a introducirse na actividade. En canto ao tempo, con nenos pequenos non se poden preparar talleres moi longos, e hai que ter en conta que a preparación e a recollida deben incluírse na planificación do tempo.
  • Cada taller require o seu propio espazo; xeralmente realizaranse na aula, pero tamén se poden realizar noutros espazos como a aula de usos múltiples, o patio, etc.
  • O desenvolvemento do taller: hai que ter presente a dificultade de traballar con nenos pequenos e debe darse moita importancia ao antes e ao despois, é dicir, á orde, á limpeza, á organización, á hixiene de mans, etc.
  • Idade: pódense traballar a partir dos 12 meses, dependendo da dificultade do taller.

3.4. O xogo libre

É a técnica por excelencia da educación infantil e ocupará gran parte do tempo dos pequenos.

Como se organiza?

Unha disposición adecuada estimula aos nenos a organizarse e a elixir eles mesmos o que lles interesa, aprendendo e madurando de forma natural coas súas propias eleccións.

Os materiais e obxectos que se utilizan para o xogo libre poden ser moi variados, desde os xoguetes máis elaborados ata os obxectos máis simples.

En canto á organización do xogo, son os nenos os que o organizan e o educador límitase a vixiar.

Idade

A partir dos doce meses, cando o pequeno adquire certa autonomía. Primeiro iníciase cun recoñecemento do espazo e dos obxectos, e posteriormente adaptan o espazo e os obxectos ás súas necesidades de xogo e experimentación.

3.5. O xogo experimental

Dentro do xogo experimental, que parte das teorías de Goldschmied, atopamos dúas propostas de xogo:

1. A cesta dos tesouros

En que consiste?

É unha actividade de exploración na que os pequenos manipulan diferentes obxectos que o educador lles presenta nunha cesta, proporcionando aos pequenos unha gran cantidade de experiencias e favorecendo o desenvolvemento das súas capacidades sensoriais.

Como organizalo?

O educador preparará a cesta seleccionando diferentes obxectos e materiais, e colocarase nun recuncho da aula que garanta a comodidade dos pequenos.

A cesta debe ser sólida e estable. Os materiais serán culleres, pelotas, pinzas, froitas, cunchas, cilindros de cartón, etc.

O desenvolvemento do xogo

Os nenos accederán á cesta de tres en tres. Nun primeiro momento o educador axudará a establecer contacto cos obxectos, pero despois retirarase e limitarase a prestar seguridade e confianza ao neno coa súa presenza.

Os obxectos renovaranse de forma paulatina. Avaliarase aos nenos individualmente mediante unha pauta de observación.

Idade

Utilízase este xogo entre os 6 e os 12 meses, cando os pequenos permanecen sentados e poden acceder á cesta.

2. O xogo heurístico

En que consiste?

É unha actividade baseada na manipulación, a exploración e o descubrimento, onde o neno ou a nena organiza os obxectos e o espazo, de forma case espontánea, con puntos de referencia que marca o educador.

Debe efectuarse nun período de oito meses, en grupos de oito ou dez nenos, durante unha hora, dúas veces por semana e nun momento en que os nenos estean descansados e tranquilos. Cada sesión consta de dúas partes:

  • Exploración: actividades espontáneas.
  • Recollida: actividades orientadas polo educador.

Como organizalo?

O educador selecciona catro bolsas de obxectos e uns cestos ou caixas baleiros. Distribúense os obxectos en focos de material pola aula e colócase nunha esquina onde poida observar todo.

O material pode ser: tapas de botes, botes de vidro, cilindros de cartón, chaves, pinzas da roupa, botóns grandes, rulos de peluquería, etc.

Os elementos que se colocarán en cada foco como contedores serán: caixas de madeira, botes metálicos, etc.

O desenvolvemento do xogo

Na primeira parte os nenos experimentan e repiten accións de forma libre e espontánea cos diferentes materiais, cada un por separado e ao seu ritmo. Hai concentración.

Pasados uns 25 minutos, ou cando os pequenos deixan de concentrarse, o educador, desde a súa esquina, recolle as bolsas e, con xestos e frases curtas, indica aos nenos que recollan os obxectos.

A avaliación da actividade realizarase no momento: o educador recolle unha observación por escrito.

Idade

A idade idónea son os 18 meses, pero pode iniciarse a partir dos 12 e alongarse ata que comece o xogo simbólico.

Entradas relacionadas: