Os Reis Católicos e Carlos I: A Formação do Estado Moderno en España
Os Reis Católicos e a formación do Estado Moderno
En 1469 os príncipes herdeiros das coroas de Castela e Aragón, Isabel e Fernando, contraían matrimonio. En 1474, Isabel converteuse en raíña de Castela, tras derrotar á súa sobriña Xoana a Beltraneja na guerra pola sucesión de Henrique IV; en 1479 Fernando accedía ao trono de Aragón tras a morte de Xoán II. Polo tanto, en 1479 quedaban unidas as coroas de Castela e Aragón, pero non se trataba dunha unión territorial, senón dun vínculo persoal e dinástico. Cada reino mantiña a súa personalidade, con leis e institucións diferenciadas e con fronteiras e aduanas entre eles.
Para xestionar esta unión dinástica, os monarcas, Isabel I de Castela e Fernando II de Aragón, chegaron a un acordo de reparto de competencias e de administración conxunta dos territorios (eran correxentes: "tanto monta, monta tanto Isabel como Fernando"). A nova dinastía tiña un único escudo que mesturaba o de Castela e o de Aragón, incorporando o xugo (símbolo de Fernando) e as frechas (símbolo de Isabel). Unha proba de que a unión era dinástica e non territorial é que os monarcas decidiron manter os seus títulos tradicionais, enumerando os territorios que posuía cada coroa un a un.
Alén desta unión dinástica, o obxectivo principal dos Reis Católicos (que recibiron este título do Papa en 1496) era o reforzamento do poder real mediante o sometemento da nobreza. Ademais, buscaron a uniformidade relixiosa, creando o Consello da Suprema Inquisición e fomentando as regalías (control sobre o nomeamento dos bispos). Asemade, crearon un exército permanente pagado pola monarquía e un corpo de funcionarios que atendía, entre outros, os asuntos diplomáticos. Sentaron así as bases do Estado Moderno en España, que se pode dicir que naceu con eles.
Este Estado buscaba lograr unha monarquía autoritaria e forte, acabando cos privilexios políticos da nobreza, da Igrexa e das cidades, e reforzando o poder do goberno central. Os medios para conseguir este obxectivo foron encamiñados a reformar o sistema administrativo.
Reformas no sistema administrativo de Castela
- Reorganización do Consello Real (1480): constituíuse como principal órgano de goberno. Profesionalizouse cos funcionarios con formación xurídica e reduciuse o peso da aristocracia. Foi acompañado da creación doutros consellos, como os de Aragón, Navarra, das Indias, da Inquisición...
- Creación de novos cargos de goberno: os secretarios reais (intermediaban entre consellos e reis) e os virreis (representaban aos monarcas nos territorios nos que estes non estaban presentes).
- Perda de importancia política das Cortes de Castela, xa que os consellos asumiron algunhas das súas funcións.
- Fortalecemento do cargo de corrixidor nos municipios. Gobernaba as cidades e tiña competencias administrativas, xudiciais e militares. Limitou o poder das oligarquías locais en favor do dos reis.
- Reorganización do sistema xudicial: corrixidores a nivel local, Chancillerías ou Audiencias a nivel rexional e o Consello Real de Castela como última instancia.
- Creación da Santa Irmandade (1476): corpo armado (especie de "policía") que mantiña a orde nos camiños.
En canto á Coroa de Aragón, as reformas tiveron menos calado. Creouse tamén a figura dos virreis (un en cada reino dos que formaban a coroa: Aragón, Valencia, Cataluña, Mallorca...) e impúxose o sistema de insaculación para elixir os cargos municipais (sorteo a partir dunha lista aprobada polo monarca). Cada reino da coroa aragonesa mantivo as súas propias institucións: órganos de goberno, moeda, pesos e medidas. Por último, cabe destacar que a superioridade de Castela favoreceu a difusión dos costumes, leis e lingua polo resto dos territorios.
Á morte de Isabel de Castela (1504) deixaba o trono en mans da súa filla Xoana, e como correxente continuaba Fernando. Fernando morre en 1516 e o trono aragonés quedaba tamén en mans da súa filla Xoana, pero ao estar incapacitada para gobernar, as dúas coroas (Castela e Aragón) pasaron a mans de Carlos, neto dos Reis Católicos.
Carlos I: a herdanza e o primeiro grande imperio moderno
Froito da política matrimonial promovida polos Reis Católicos, Carlos é o fillo de Xoana de Castela e Felipe de Habsburgo. Unha vez falecidos os seus avós e o seu pai, e incapacitada para gobernar a súa nai, recibe unha extensa herdanza en territorios e títulos, e comeza así a configurar o primeiro grande imperio moderno. A súa herdanza pódese resumir do seguinte modo:
- Dos seus avós maternos, os Reis Católicos: recibe o título de Carlos I como rei das coroas de Castela (que comprendía Navarra, as provincias vascas e os territorios das Indias, que as progresivas conquistas dos exploradores castelán fixeron ampliar baixo Carlos I e Felipe II) e Aragón (que incluía os reinos de Nápoles e Sicilia).
- Dos seus avós paternos, Maximiliano de Austria e María de Borgoña: os territorios borgoñóns (Flandres e o Franco Condado), o título de emperador (por iso se lle chamará tamén Carlos V) e as terras dos Habsburgo (Alemaña e Austria).
A herdanza do imperio alemán, xunto coa enorme extensión territorial recibida, alentaron en Carlos a idea imperial: reunir a toda a cristiandade baixo a bandeira do emperador, loitando contra os turcos e contra os protestantes. Así, a súa política exterior buscou loitar pola conservación e extensión dos seus dominios.
- Francia: Carlos I tivo en principio como principal inimigo a Francia, con quen loitou pola hexemonía en Europa no norte de Italia (Milanesado), en Flandres e en Borgoña. As vitorias na batalla de Pavía (1525, que fixo prisioneiro ao rei francés Francisco I) e, tras a alianza francesa co Papa, o Saco de Roma (1527), levaron á firma da Paz de Cambrai (1529).
- Os turcos: disputou o dominio do Mediterráneo occidental e intentou evitar que chegasen a Viena desde os Balcáns. Malia a conquista de Túnez, o conflito co Imperio Otomano continuou durante todo o reinado.
- Os protestantes: a adhesión dos príncipes alemáns e dos Países Baixos ao reformismo luterano acabou no enfrontamento entre as tropas de Carlos e a Liga de Smalkalda (alianza dos príncipes alemáns). Este enfrontamento rematou na batalla de Mühlberg (1547) e na Paz de Augsburgo (1555), que recoñecía de facto a liberdade relixiosa dos príncipes e o fracaso da política imperial de Carlos.
En 1556, tres anos antes de morrer, Carlos renuncia ao poder e deixa a monarquía hispánica en mans do seu fillo Felipe II.
Felipe II e a defensa da hexemonía hispánica
Felipe II vai tentar manter a hexemonía en Europa e ultramar, coa axuda dun exército permanente e unha complexa administración. Os eixes da súa política exterior foron os seguintes:
- Loita contra os turcos: Felipe II aliouse con Roma e Venecia, cos que formou unha armada que derrotou aos turcos na batalla de Lepanto (1571). Este triunfo significou o freo definitivo ao avance turco no Mediterráneo.
- A cuestión de Flandres: desde 1566 a sublevación en Flandres converteuse no principal problema do reinado de Felipe II. A sublevación respondía a dúas causas: por un lado, as diferenzas relixiosas dos protestantes flamengos co catolicismo de Felipe II; por outro, as cuestións políticas e o desexo flamengo (apoiado por príncipes alemáns, os hugonotes franceses e Inglaterra) de acadar a independencia. A loita foi moi dura e Felipe respondeu cunha forte represión (dirixida polo duque de Alba). Cara ao final do século chegouse a un compromiso: as provincias do norte, con maioría protestante, actuaban case como un Estado independente, mentres que as do sur se mantiveron fieis á monarquía de Felipe II.
- Inglaterra: mentres María Tudor foi raíña, as relacións anglo-españolas foron boas. Pero a chegada ao trono inglés de Isabel I e o seu apoio á causa flamenga levaron ao comezo da guerra en 1585. Ao enfrontamento sumábase o desexo inglés de intervir no comercio con América, ademais de diferenzas relixiosas. En 1588 Felipe enviou a Gran Armada (ou Armada Invencible) para conquistar as illas británicas. O seu fracaso foi rotundo e converteuse na primeira gran derrota do imperio hispánico.
- Francia: as relacións melloraron respecto á época de Carlos I, especialmente tras a Paz de Cateau-Cambrésis (1559), despois da vitoria española en San Quintín.
- Portugal: en 1580 a morte sen descendencia do rei portugués Henrique I fixo que, por herdanza, o trono luso pasase a mans de Felipe II. Con isto lograba a unidade peninsular, a unión ibérica, tan ansiada polos Reis Católicos, así como a fusión dos dous grandes imperios de ultramar. Non obstante, na práctica Portugal gozaba de independencia e a unión era máis ben persoal (os dous tronos nunha mesma persoa).