Século XIX e Rexurdimento galego: Análise extratextual
Classificado em Outras línguas estrangeiras
Escrito em em
português com um tamanho de 4,99 KB
Século XIX: Análise extratextual do galeguismo
O século XIX supuxo unha evolución do pensamento galeguista iniciado polos ilustrados (Feixoo e Sarmiento) do século XVIII e continuado polos grupos liberais e antiabsolutistas, como é o caso de Antolín Faraldo, que entre outros promoveron o levantamento de 1846. Os dirixentes deste movemento político foron fusilados; a estes quedoulles o nome dos Mártires de Carral.
Do Provincialismo ao Rexionalismo
Un segundo movemento que se produce nestes tempos é o movemento provincialista, que puxo as bases para que acabase xurdindo unha lingua galega que puidera ser utilizada en todos os ámbitos (literatura, historia...), unha revalorización da nosa lingua ou idioma. Nesta recuperación cultural xogaron tamén un importante papel historiadores como Murguía, que marcan o inicio doutro movemento tamén galeguista que se denomina Rexionalismo. Este fundamenta a súa definición nacional na existencia dun pasado histórico celta (castrexo) e fala, ademais, da pervivencia dunha lingua e dunha cultura propia.
Ante esta situación da recuperación da cultura galega e as demandas sociopolíticas de crear unha forza política galega que posibilitara a descentralización do Estado, os federalistas tiñan como bandeira política esa descentralización.
Os Precursores do Rexurdimento
En primeiro lugar, todos estes movementos sociopolíticos deron como resultado a aparición dun movemento literario que se coñece como «Precursores do Rexurdimento» ou, o que é o mesmo, os autores galegos anteriores ao 17 de maio de 1863, a data de publicación de Cantares Gallegos.
Entre estes autores temos que citar ou destacar a:
- Nicomedes Pastor Díaz, coa súa obra Alborada (1828) e tamén a Égloga de Belmiro e Benigno.
- Alberto Camino, coa súa obra A foliada de San Xoán (costumista).
- Xoán Manuel Pintos: mais se unha obra cobra importancia con anterioridade á de Rosalía é A gaita galega (1853). Esta obra ten unha gran importancia, pois nela establécese un diálogo entre dous personaxes: un fala en castelán e o outro en galego, e reflexionan ao longo da obra sobre a gramática galega.
O Rexurdimento cultural galego e os seus obxectivos
Máis tarde xorde o movemento máis importante do século XIX, chamado «O Rexurdimento cultural galego». Neste movemento destacamos a tres grandes autores: Rosalía de Castro, Curros Enríquez e Eduardo Pondal.
Entre os obxectivos que tiña o Rexurdimento destacamos:
- Mudar a consideración negativa sobre o idioma galego (que tiña orixe no latín, cantigas medievais, Afonso X, prestixio cultural do noroeste peninsular na época medieval) e xustificar a súa utilidade a través dos textos literarios.
- Facer que fose útil para os galegos e tamén unha lingua que reflectise a identidade dun pobo, que representaba a nosa lingua e que nos vincula aos devanceiros; que fose o signo de identidade do pobo.
- Estudar e depurar o idioma galego coas primeiras gramáticas e dicionarios (Francisco Mirás, Marcial Valladares e Saco e Arce). Rosalía de Castro recolle esta idea na introdución de Cantares Gallegos e fai alusión á necesidade de estudo lingüístico.
- Reivindicar o pasado histórico de Galicia (cultura castrexa). Deste tema temos un dos mellores versos escritos por Pondal na súa obra Os queixumes dos pinos, obra na que está incluído o poema «Os pinos» (non os piñeiros), que daría letra ao himno galego (a música foi elaborada por Pascual Veiga, músico dos máis brillantes de Galicia).
Factores e influencias do Rexurdimento
Diciamos, pois, que este movemento do Rexurdimento chega ata nós debido ás influencias de catro ideas fundamentais:
- As ideas da Ilustración con Feixoo e Sarmiento (escritos a favor da cultura e da lingua galega).
- A Guerra da Independencia contra os franceses, que forxaba unha firme conciencia como pobo na busca de autogoberno fronte a Castela (escritos contra os franceses).
- As ideas románticas, que establecían as liberdades das culturas autóctonas.
- As ideas liberais fronte aos postulados absolutistas. Estas ideas que propoñían os liberais tiñan como obxectivo a descentralización do Estado e a defensa da peculiaridade de Galicia (lingua, cultura, historia, política...).
Estas catro ideas foron as que forzaron a aparición do movemento do Rexurdimento Galego.