As vangardas na literatura galega: autores e movementos

Classificado em Espanhol

Escrito em em português com um tamanho de 4,15 KB

As vangardas na literatura galega

A literatura galega experimentou nos anos 20 e 30 un proceso de renovación denominado vangardas. Son movementos estéticos da Europa do século XX que constitúen unha reacción contra a mentalidade burguesa de finais do século XIX. Buscan a orixinalidade, o experimentalismo e a rebeldía.

Cada un destes movementos constitúe un ismo, é dicir, unha corrente cos seus propios postulados que se difundiron a través de manifestos vangardistas.

Nas vangardas galegas destacan figuras como Manuel Antonio e Álvaro Cunqueiro, que rompen coa tradición poética anterior. Nesta liña sitúanse publicacións como o manifesto Máis Alá! e diversas revistas galegas abertas ás novidades.

As correntes da poesía vangardista

Na poesía distínguense tres liñas principais coa intención de modernizar e actualizar a estética da nosa poesía:

  • O neotrobadorismo: movemento que consiste na recreación das cantigas medievais (como as cantigas de amigo) cunha estética contemporánea. Destacaron Álvaro Cunqueiro con Cantiga nova que se chama Riveira e Fermín Bouza-Brey con Nao senlleira.
  • O hilozoísmo: destaca Luís Amado Carballo, autor de Proel e O galo. A súa poesía caracterízase pola brevidade, a sinxeleza e a personificación de elementos da natureza.
  • O vangardismo: supón unha ruptura case total co anterior, renegando do ruralismo e do costumismo. Esta tendencia básase na asimilación parcial e ecléctica de diferentes ismos europeos.

Manuel Antonio e a ruptura vangardista

Un dos autores máis destacados é Manuel Antonio. Artista de vangarda, caracterízase por ser rupturista, aventureiro e antiacademicista. A súa actitude ideolóxica ten tres trazos fundamentais:

  1. O espírito de rebeldía.
  2. O compromiso nacionalista.
  3. A simpatía polo anarquismo.

A súa obra caracterízase pola ruptura temática coa literatura galega anterior, a ausencia de argumento discursivo no poema e a creación de imaxes autónomas. Das características xerais vangardistas, a súa poesía non presenta nin a deshumanización nin a ausencia total do eu poético. Amosou influxo creacionista (como a linguaxe científica da época e a parodia de certos elementos románticos) e, do cubismo e futurismo, incorporou o valor significativo dos espazos en branco e a peculiar disposición dos versos nos seus textos.

Etapas e obra cumio

Manuel Antonio atravesa tres etapas creativas: a de formación, a de ruptura vangardista e a de retroceso na audacia vangardista.

Será na segunda etapa cando publique a súa obra máis senlleira, De catro a catro (1928), considerada a obra cumio da vangarda en Galicia. Consta de 19 poemas e ten como eixes a aventura marítima para coñecerse a si mesmo e ao ser humano, a viaxe interior, a reflexión pesimista sobre a existencia humana e unha actitude antirromántica.

Presenta diversas liñas de interpretación:

  • Obra estruturada sobre a base dunha viaxe marítima real.
  • Obra de fonda reflexión existencial.
  • Interpretación da orfandade pola morte temperá do seu pai (cando só tiña 4 anos).
  • Expresión da frustración e desorientación ante a dificultade de acadar unha absoluta orixinalidade estética.

A prosa e o teatro: Rafael Dieste

Na prosa salienta Rafael Dieste co libro de relatos Dos arquivos do trasno. Na súa narrativa distínguense tres trazos esenciais: a importancia da técnica con recursos propios do relato oral, a preferencia por argumentos con misterio e o substrato popular e folclórico.

No ámbito teatral Dieste sobresae con A fiestra valdeira, peza que achega unha fonda novidade formal e temática mediante personaxes con trazos populares e costumistas, diálogos sobrios, harmonía construtiva e o predominio do elemento literario sobre o efectismo dramático.

Entradas relacionadas: