Nutrición nos seres vivos: tipos, procesos e órganos respiratorios

Classificado em Biologia

Escrito em em português com um tamanho de 3,58 KB

A nutrición

A nutrición é un conxunto de procesos mediante os cales os seres vivos extraen ou intercambian materia e enerxía co medio, para poder realizar as súas actividades vitais, renovar as súas estructuras e reproducirse.

Clases de nutrición

Nutrición autótrofa

Os organismos que a teñen son capaces de fabricar os seus propios alimentos a partir de materias primas inorgánicas. Isto require enerxía, que se pode obter de dúas fontes: da enerxía solar, mediante a fotosíntese, e da enerxía de certas reaccións químicas.

Nutrición heterótrofa

É típica dos animais, dos fungos e dos microorganismos, que non son capaces de fabricar alimentos a partir de substancias inorgánicas. Por iso, para obtelos, deben tomalos doutros organismos ou dos seus restos.

Os procesos da nutrición

  • A entrada de materia no organismo;
  • a distribución das substancias;
  • o emprego do alimento: o metabolismo. É o conxunto de reaccións químicas que teñen lugar nas células e que permiten obter a materia e a enerxía que estas necesitan a partir de substancias orgánicas contidas nos alimentos. Algunhas substancias son transformadas (con gasto de enerxía) para producir outras máis complexas que formarán as estruturas do propio organismo. Outras substancias son descompostas mediante un proceso denominado respiración, que necesita osíxeno e que libera a enerxía que conteñen para que poida ser utilizada polas células;
  • a devolución ao medio das substancias de refugallo. Os produtos sobrantes do metabolismo das células deben ser devoltos ao medio mediante a excreción.

A fotosíntese (fabricación de substancias por medio da luz)

Mediante a fotosíntese as plantas transforman a enerxía luminosa do Sol en enerxía química dos hidratos de carbono.

A inxestión de alimentos líquidos

Os animais que se alimentan de líquidos desenvolveron pezas bucais perforadoras e chupadoras.

A captura e inxestión de alimentos sólidos

Para capturar e comer pequenas partículas, algúns animais empregan estruturas filtradoras. Para inxerir alimentos de maior tamaño, os animais dispoñen dunha serie de pezas bucais para rachar, triturar, raspar, cortar e mastigar. Para axudar á captura, en ocasións posúen estruturas especializadas como dentes velenosos ou tentáculos.

Partes do estómago dunha ave

  • Esófago;
  • moega;
  • intestino;
  • boche;
  • proventrículo.

Partes do estómago dun rumiante

  • Intestino;
  • bandullo;
  • libro;
  • retícula;
  • calleiro.

Principais órganos respiratorios

  • Respiración cutánea (pola pel): dase nos anélidos terrestres e en moitos anfibios, polo que teñen unha pel moi húmida.
  • As branquias: o órgano respiratorio dos animais acuáticos. Trátase de finas láminas con moitos vasos sanguíneos e en contacto coa auga.
  • As traqueas (típicas dos insectos): son uns tubos moi finos que se ramifican por todo o corpo do animal ata chegaren a todas as células.
  • Os pulmóns (típicos dos vertebrados terrestres): cavidades con forma de saco nos anfibios e de saco ramificado nos réptiles. Nos mamíferos están subdivididos en millóns de alvéolos con vasos sanguíneos. Os das aves posúen sacos aéreos.