O Movemento Obreiro: Orixe e Desenvolvemento
Classificado em Ciências Sociais
Escrito em em
português com um tamanho de 5,66 KB
Durante o século XIX, os traballadores asalariados intentaron mellorar as súas condicións de vida a través de accións colectivas de protesta e de asociación, capaces de formular as súas demandas fronte a propietarios, empresarios e autoridades políticas. As sociedades obreiras locais convertéronse en organizacións nacionais, con relación mesmo internacional. Xurdiron os sindicatos modernos e os partidos obreiros que defendían o socialismo, unha doutrina política e social que reclamaba a abolición do sistema económico capitalista e a creación dunha sociedade máis xusta e igualitaria.
A historia do movemento obreiro está forxada polas accións dos precursores, polas loitas, as conquistas sociais e as melloras económicas conseguidas ao longo do tempo, pola pegada deixada por líderes destacados e pola aspiración a conseguir un cambio revolucionario. Unha historia marcada por conflitos sociais, negociacións colectivas e enfrontamentos violentos…
As orixes do movemento obreiro organizado
A conflitividade social non xurdiu co inicio da Revolución Industrial. Na Europa do Antigo Réxime eran frecuentes as protestas populares contra a suba do prezo do pan, o cobro dos impostos… Motíns e revoltas locais que duraban pouco tempo e remataban cunha represión. Accións individuais mostraban a disidencia e o malestar social da poboación.
Coa chegada do sistema económico capitalista e da nova orde social liberal, as protestas tradicionais de campesiños e consumidores foron deixando paso a novas formas de mobilización relacionadas co mundo do traballo industrial e urbano. As demandas dos traballadores centráronse no aumento dos seus salarios, a redución da xornada e a mellora das condicións laborais.
Ludismo: as primeiras accións de protesta
Nas primeiras accións de protesta dos traballadores destacan os episodios de destrución de maquinaria. Este tipo de accións violentas tomou o nome de ludismo, unha denominación relacionada con Ned Ludd, unha figura ficticia que asinaba os anónimos e pasquíns dirixidos aos empresarios. Os primeiros ludistas estaban protagonizados por fiadores e tecedores, que temían que a introdución de maquinaria os deixase sen traballo. Os incendios e as destrucións de máquinas téxtiles foron as primeiras armas dos traballadores, que pretendían forzar aos empresarios a conceder melloras laborais e salariais.
Das sociedades de oficio ás leis de asociación
O paso seguinte foi a organización estable de organizacións obreiras. A finais do século XVIII existían asociacións de artesáns que se resistían aos cambios impostos pola economía liberal. En 1799-1800, o Goberno británico prohibiu calquera tipo de sociedade obreira (Combination Acts). A vida asociativa saíu á luz con ocasión das protestas abertas e das manifestacións, como a que tivo lugar en Manchester en 1819. A represión violenta do exército causou varias mortes e numerosos feridos (Masacre de Peterloo).
En 1824, o Goberno do Reino Unido legalizou as asociacións obreiras. Estendéronse as Sociedades de Socorros Mutuos, creadas para prestar axuda en caso de accidente ou enfermidade, pero que, cando propoñían unha folga, utilizaban os seus fondos como caixa de resistencia. Apareceron moitas sociedades locais de oficios (Trade Union) de cada sector produtivo. O Grand National Consolidated Trades Union, impulsado por Robert Owen, chegou a sumar medio millón de traballadores.
O cartismo
En 1838, a Asociación de Traballadores de Londres publicou unha Carta do Pobo (People's Charter) que reclamaba o sufraxio universal masculino, o voto secreto, a reforma dos distritos electorais e a renovación do Parlamento sen que fose necesario ser propietario para lograr unha acta de deputado. Se o pobo lograba representación no Parlamento, sería posible lexislar reformas sociais e conquistar novos dereitos cidadáns.
O cartismo foi un movemento de masas, de carácter político, que logrou mobilizar centos de miles de traballadores en defensa da democratización do Estado. O Parlamento británico rexeitou as peticións cartistas e as forzas da orde reprimiron as folgas, as sabotaxes e os intentos de insurrección, ata a gran manifestación en Londres en 1848. Os gobernos asumiron a necesidade de negociar cos representantes dos traballadores e de impulsar reformas sociais que mellorasen as súas condicións. O movemento cartista demostrou que era posible mobilizar as masas a nivel nacional e que a política non era allea aos intereses dos traballadores.
Sindicatos obreiros
Na segunda metade do século XIX, os sindicatos de obreiros conseguiron o seu recoñecemento legal e mostraron a capacidade da organización do proletariado para mellorar as súas condicións de traballo. Para loitar pola obtención dos dereitos políticos e sociais dos traballadores, naceron os partidos obreiros, que participaron nas convocatorias electorais e na vida parlamentaria dos Estados nacionais. As sedes dos sindicatos e dos partidos convertéronse nos espazos principais da sociabilidade obreira, no centro dunha cultura alternativa ás entidades burguesas.
No Reino Unido crearonse sindicatos nacionais de obreiros cualificados que conseguiron melloras laborais e salariais. En 1860 había Consellos Obreiros nas cidades máis importantes e chegouse a celebrar un congreso nacional (Trade Union Congress), que representou a máis dun millón de obreiros cualificados. En Francia, os sindicatos obreiros foron legalizados en 1868. Un ano máis tarde, aprobábase en Alemaña a lei que concedía o dereito de asociación.